En Marea, a piques da ruptura na Cámara

Os críticos do grupo de En Marea validan a proposta para que Sande sexa senador ás costas de Villares. A coordinadora do partido instrumental, que desautoriza a elección do concelleiro coruñés, anunciará o seu próximo movemento esta tarde. A elección do senador quedará nas mans da Mesa da Cámara. Antón Sánchez, de Anova, fai de portavoz dos críticos, e di que "é unha decisión democrática" e que non "vai a alimentar polémicas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2019 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Finalmente, consúmase o esperpento de En Marea, entre o grupo oficial de Villares e o sector crítico conformado por Podemos, Esquerda Unida e unha parte de Anova. A crise no seo do grupo parlamentario de En Marea entrou nunha nova fase este martes coa oficialización da proposta dos deputados críticos co portavoz, Luís Villares, para que o ex concelleiro herculino José Manuel Sande sexa elixido como senador por designación autonómica, unha proposición que rexeita a dirección do partido instrumental con Villares á cabeza, que podería presentar o seu propio nome ante a Cámara para este cargo.

Nunha reunión sen presenza de Villares e os tres deputados que o apoian, os críticos co portavoz validaron este martes a proposta do exconcelleiro coruñés José Manuel Sande para converterse en senador por designación autonómica, posto que corresponde a En Marea como segunda forza co Parlamento de Galicia.

Á reunión do grupo, celebrada ás 10,00 horas deste martes, acudiron os nove deputados que están enfrontados a Luís Villares e tamén Flora Miranda, a única parlamentaria que votou a proposta da dirección de En Marea, Mariló Candedo. Ningún dos tres deputados que apoian explicitamente a Villares acudiu ao encontro do grupo, no que se formalizou unha acta para que Sande sexa a proposta para senador.

Villares tamén se ausentou da xunta de portavoces que incluíu na orde do día da próxima sesión plenaria a elección dos tres representantes da Cámara galega na recentemente iniciada lexislatura do Senado. A elección producirase nun pleno extraordinario previo á sesión ordinaria que arrincará na mañá do martes 25 de xuño.

Agora ábrese un prazo ata o venres día 21 ás 13,30 horas para o rexistro dos nomes propostos polo Grupo Popular e En Marea. Pero a división de criterios no seo do grupo de En Marea sobre a designación do senador supón un feito sen precedentes na Cámara galega.

Deste xeito, podería darse que existan dous nomes propostos por un mesmo grupo: José Manuel Sande a iniciativa da maioría de deputados de En Marea e, doutra banda, Mariló Candedo baixo o impulso do portavoz, Luís Villares, a instancias do marcado pola dirección política do partido instrumental. De producirse esta situación, segundo fontes da Cámara galega consultadas por Europa Press, correspondería á Mesa do Parlamento decidir "con arranxo a dereito" cal das dúas propostas tería validez.

Ás 17,00 horas da tarde deste martes está previsto que a viceportavoz da coordinadora de En Marea, Ana Seijas, compareza en rolda de prensa para abordar a situación aberta no grupo parlamentario coa elección do senador. Nesta rolda de prensa, previsiblemente, a dirección do partido anunciarán o seguinte movemento da dirección do partido instrumental.

En concreto, o nome de José Manuel Sande, proposto polos críticos co portavoz, Luís Villares, foi elixido a través dunha votación telemática con oito sufraxios favorables por só un para a opción da dirección do partido instrumental, Mariló Candedo. Villares e os seus afíns optaron por non participar nun proceso que foi desacreditado pola dirección do partido instrumental, que cualificou a votación de "imposición" de Podemos coa conivencia de Anova e Esquerda Unida.

Fontes do grupo críticas con Villares aseguran que os servizos xurídicos da Cámara trasladáronlles que a decisión de propor a un candidato a senador corresponde adoptala á totalidade do grupo e non só ao portavoz pero que debe ser trasladada de forma presencial e cunha acta de asistencia para que a Mesa do Parlamento a acepte.

Ademais, consultado por Europa Press, o Parlamento galego confirmou que se esa é "a vontade maioritaria do grupo" deben "acreditala documentalmente a través dunha acta asinada polos asistentes á reunión" para trasladala á Mesa do Parlamento, trámite que os críticos completaron este martes.

ANTÓN SÁNCHEZ

O encargado de comparecer ante os medios tras a xunta de portavoces en representación de En Marea foi Antón Sánchez, que sinalou que Villares comunicoulle na noite do luns que non podería acudir á reunión que fixou os temas a abordar na próxima sesión do Parlamento de Galicia.

O portavoz nacional de Anova defendeu que o nome de Sande conta co respaldo dunha "ampla maioría" do grupo despois de que "lamentablemente" non se alcanzase unha proposta "de consenso", algo polo que, di, "sempre" apostou "persoalmente".

Así, tras remarcar que se trata dunha "decisión democrática" do grupo parlamentario, evitou facer "de adiviño" sobre se espera que Villares formalice a súa propia proposta para senador. "Tratouse de chegar a un consenso, que non foi posible, e propúxose a unha persoa con interlocución con todo o espazo político", afirmou Sánchez en referencia á elección de José Manuel Sande, concelleira de cultura ata o pasado sábado no goberno de Marea Atlántica.

"Non vou alimentar polémicas, non favorece a ninguén. Quen pense que saca vantaxe de alimentar polémicas nos medios está a cometer erros do pasado", subliñou despois de censurar as "cruces de comunicados ou declaracións" que se producen desde hai tempo na convulsa vida interna do espazo político de En Marea.

A elección do senador aboca ao grupo de En Marea a un escenario que podería derivar na súa fractura definitiva e o pase dun dos sectores enfrontados --afíns a Villares e críticos-- ao grupo mixto. A ruptura suporía a reedición do acontecido coa súa predecesora, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que finalizou a pasada lexislatura con tres do nove parlamentarios obtidos nas eleccións no grupo mixto polas desavinzas internas.

"Espero que iso non pase", respondeu a preguntas dos medios sobre a posible ruptura do grupo Antón Sánchez, deputado, precisamente, de AGE na lexislatura que foi de 2012 a 2016. "Tratei e trato sempre de actuar con responsabilidade para que iso non pase", engadiu.

PSOE E PP

A ruptura de En Marea daría o lugar de segunda forza ao Partido Socialista, que prevé o ingreso como deputado do seu líder, Gonzalo Caballero, para as próximas semanas. A parlamentaria do PSdeG Patricia Vilán evitou pronunciarse sobre a posibilidade de que o posto de senador recaia no seu grupo no caso de que se produza o pase ao grupo mixto de deputados de En Marea antes do próximo venres.

"O senador corresponde aos dous partidos con maior número de votos, que son o PP e En Marea. Non temos unha bóla de cristal para saber o que vai pasar", indicou a preguntas dos medios Vilán, que se limitou a apuntar que "o regulamento" e a "historia" da Cámara "marca como é a designación de senadores". "Moito máis non podo dicir", dixo.

Luis Villares e Pablo Iglesias
Luis Villares e Pablo Iglesias

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, advertiu de que o PSdeG "se relame só coa expectativa" de ser a segunda forza despois de que o Grupo de En Marea rompa antes de que decaia o prazo para presentar unha proposta para a Cámara Alta.

"O Partido Socialista espera con certo entusiasmo que iso suceda", asegurou o deputado popular, quen tamén apelou a que as "diferenzas internas" do partido instrumental "se resolvan internamente" e este problema "non se traslade" á Cámara.

Para Tellado, "todo pode indicar" que haxa dúas propostas por parte de En Marea. "Esa situación poría á mesa do Parlamento nunha tesitura complicada" cun "conflito que non é do Parlamento", evidenciou.

Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Yolanda Díaz (EU), Xosé Manuel Beiras (Anova) e Pablo Iglesias (Podemos)
Xulio Ferreiro, Pablo Igrexas, Luís Villares e Antón Sánchez en 2016. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulio Ferreiro, Pablo Igrexas, Luís Villares e Antón Sánchez en 2016. EUROPA PRESS - Arquivo
Antón Sánchez e Luís Villares no acto de En Marea. EUROPA PRESS - Arquivo
Antón Sánchez e Luís Villares no acto de En Marea. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Gon Than

Fai anos que apostei con un amigo que foi da marea até fai pouco, primeiro militamos xuntos no BNG, e segue sendo amigo, que quede claro, unha cea sobre esta cuestión. Xa comemos a cea pagada por el e agora, despois de pasalo mal, xa lle dá a risa até a el. É mais, xa incluso disfruta vendo esta banda que non ten nome. Nome ten, pero non llo poñemos por corrección.

4 BASUREIRO DA HISTORIA

ia facer un chiste pero para que??? ENTRE eles mesmo son do peor

3 Queixarás

Veña, que quede claro clarinete cantos nacionalistas galegos hai no parlamento e cantos madrilegos. E que fagan un novo BNG os primeiros e un vello Podemos os segundos.

2 Arzuán

Papelón de Antón Sánchez. Penso que é hora de que dimita

1 Pitito

Xa nos tarda esa ruptura (a sociedade galega)