Por Galicia Confidencial | Ferrol | 21/06/2019 | Actualizada ás 11:12
A Comisión Ferrolterra Carvalho Calero denuncia o “ostracismo” da figura do do crítico Ricardo Carvalho Calero durante os últimos anos, especialmente, ante a negativa da Real Academia Galega (RAG) para darlle un Día das Letras Galegas. “Desde 1980, ano de xubilación de Ricardo Carvalho Calero, houbo xente interesada en situar a súa figura nun exilio interior ou ostracismo, situación que se agravaría a raíz do seu falecemento en 1990”, apunta.
Nun comunicado remitido á redacción de Galicia Confidencial, esta entidade destaca que nesa decisión influíu decisivamente o feito de que Carvalho Calero “defenda que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico galego-portugués, opción diferente, xa que logo, da oficial”.
A Comisión Ferrolterra Carvalho Calero leva anos organizando actividades diversas encamiñadas a reivindicar a figura deste profesor. De feito, lembra que nos anos 2010, 2011, 2013, 2014, 2015, 2016, 2018 realizaron en Ferrolterra comisións encamiñadas a promover a concesión das Letras Galegas a Carvalho Calero. “Recolléronse sinaturas, organizáronse recitais, conferencias, exposicións..., para que lle fóra dedicado o Día da nosa lingua e cultura a don Ricardo, esgrévio galeguista que ao longo de máis de sete décadas desenvolvera un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, académico, lingüístico, docente, político a prol da Galiza, da nosa lingua e da nosa cultura”, engade.
Por iso, e a pesar das críticas, a súa designación este sábado pola RAG é ben valorada. “Avaliamos como moi positiva esta decisión e facemos votos para que a sociedade ferrolá e a Galiza enteira tiren o máximo proveito desta circunstancia”, indica. E anuncia que, como contributo, publicarán “Hei de entrar no meu povo. Reivindicarmos Carvalho Calero”, libro que, da man da editorial Embora, verá a luz en breve.
A MESA
Por outra banda, a Mesa pola Normalización Lingüística tamén reivindica a figura de Carvalho calero e lembra que, este sábado, “despois de anos de intentos infrutuosos por parte de diversos colectivos e entidades sociais de defensa da lingua e da cultura galegas”, a única candidatura presentada é a do primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega. Carvalho Calero pechou hai 2 anos pechou en Compostela os encontros que desembocaron na constitución da Mesa pola Normalización Lingüísitica.
POLÉMICA
Tal e como xa adiantou Galicia Confidencial, a designación de Carballo Calero para o Día das Letras Galegas 2020 non está exenta de polémica. A súa candidatura foi presentada por un grupo de académicos afín a actual executiva da RAG en maio. Outro grupo crítico --afín a Ferrin-- tamén presentou días despois a mesma candidatura denunciando aos outros académicos por ter vetado durante anos ao crítico ferrolán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.