PSdeG e BNG critican a Feijóo por utilizar a Xunta para iniciar a precampaña electoral

O PPdeG ve "exrañas" estas críticas e enmarca na "acción de Goberno" o conclave celebrado o pasado xoves na Xunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2019 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O BNG e o PSdeG coincidiron este luns nas súas críticas cara ao presidente do PP de Galicia e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao censurar o uso das institucións para facer "propaganda" e as medidas anunciadas "en clave puramente electoral" na reunión mantida a semana pasada entre todos os altos cargos da Administración autonómica para fixar os retos da Comunidade de face ao 2030.

Nunha rolda de prensa no Parlamento galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, evidenciou que este acto serviu aos populares para abrir a "precampaña" para os comicios autonómicos do 2020, aínda que o propio Feijóo aínda non aclarou se prevé continuar como candidato do PP para entón.

A líder do Bloque considera que esta reunión do presidente da Xunta cos seus altos cargos funcionou como "gabinete electoral" para dar "o pistoletazo de saída á campaña das eleccións galegas". Así, Pontón censurou que desde a Administración autonómica se faga "o de sempre": "Publicidade, propaganda, anuncios que logo quedan en nada".

O PSDEG VATICINA UNHA "LONGA" PRECAMPAÑA

Tamén dá por iniciada a "longa" precampaña cara ás eleccións autonómicas o portavoz socialista na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen cre que Feijóo "necesita tempo para superar esta situación na que non ten o apoio da maioría" da cidadanía que precisa para reter o Goberno da Xunta.

"Empecen a ler as decisións que se toman en clave puramente electoral", aseverou Leiceaga en referencia á actividade do Executivo autonómico que "se ata este momento era unha 70% retórica e unha 30% acción de goberno, agora será 90% retórica e unha porcentaxe moi pequena de acción de goberno", dixo.

O portavoz socialista detívose no acto celebrado o pasado venres no que Feijóo reuniu aos seus altos cargos para fixar os "retos" da Galicia para a próxima década. Para Leiceaga, os "eixos" de actuación trazados polo presidente galego ("familia", "mocidade", "innovación" e "patrimonio") son "un resumo" dos "fracasos máis palmarios" do Goberno do Partido Popular desde o ano 2009.

O PPDEG VE "ESTRAÑAS" ESTAS CRÍTICAS

Fronte a nacionalistas e socialistas, o portavoz do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, dixo considerar "rechamantes" e "estrañas" estas críticas contra Feijóo e o seu Executivo pola reunión do pasado xoves que considera, insistiu, parte da "acción de Goberno".

Neste sentido, lembrou que aínda quedan "15 meses de Goberno" de "estabilidade" e nos que haberá no Parlamento unha "especial intensidade" por ser o final da lexislatura. Así, Puy contrastou esta situación na Comunidade galega coa do Executivo central de Pedro Sánchez e a súa "propaganda" cos decretos leis "con contido social" previos ás eleccións xerais.

"O Goberno é o que dirixe a acción política da Xunta e a administración pública. Por tanto, que se reúnan cargos da Xunta, que dirixe esa dirección política, e iso sexa criticable... Non me deixa de resultar estraño", aseverou.

Feijóo debuxa unha Galicia 'familiar, nova, innovadora e verde' para 2030 fronte a unha España de 'incerteza'. XUNTA
Feijóo debuxa unha Galicia 'familiar, nova, innovadora e verde' para 2030 fronte a unha España de 'incerteza'. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta