Un espía no Reino de Galicia

Sentínlle unha vez unha frase maxistral ao intelectual catalán Rubert de Ventós nunha conferencia en Barcelona: “O basco enfróntase, o catalán negocia e o galego infíltrase”. Seméllame esta unha verdade coma un mundo. Xa sei que os tópicos baseados no determinismo xeográfico non pasan pólas súas mellores horas.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 25/02/2012

Comparte esta noticia

Tampouco goza de predicamento apelar ao espírito das razas, tan recorrido polo historicismo cultural alemán nos preludios do nazismo. Sen embargo, o campesiñado galego sempre empregou o concepto de raza sen connotacións racistas, valla a redundancia; así por exemplo, na cosmovisión tradicional fálase de familias de raza pequena (xa che era o pai), ou defínese a raza dos mouros, os carlistas, os facciosos, os franceses ou os rifeños. Nesta liña pouco insultante, eu son dos que penso que nós, os galegos, somos, ante todo, unha raza de espías. Esta hipótese axuda a comprender por que na 2ª Guerra Mundial a cidade de Vigo foi a panacea dos espías aliados e xermanos; camuflábanse de medo entre milleiros de galegos-espías que non se sabe se rubían ou baixaban, se ían cun bando ou con outro.

O mestre O’Rivas deu no cravo cando definiu o noso país coma un territorio comanche: ti estás no medio de ningures, en pleno monte, nun concello deshabitado, pensas que estás só, pero estás moi trabucado, todo o mundo está a espreita controlándote. E xa se sabe, onde hai espías hai delatores. Un caso sonado en Cerasia acontecera hai poucos anos. Á hora do xantar un veciño confiado birlou disimuladamente un coio esquineiro do muro que cingue unha casa pechada dende hai tempo, porque os seus donos emigraran a Venezuela e viñan á parroquia de pascuas en ramos. Pola hora do café, xa chamaran de Caracas esixindo a reposición da pedra. Non é inocente que o noso idioma sexa tan ricaz á hora de definir diferentes tipos de ollada: outear, endilgar, espreitar, axexar, ver, ollar, fitar, mirar... conforman un amplo abano de cualidades ópticas das que facemos gala. Tamén ten algo que ver con isto que o mal de ollo sexa o pior que lle pode acontecer a unha familia galega, algo semellante ao que lle pasaba aos galos co medo a caída do ceo sobre as súas testas.

Dende a Arqueoloxía da Paisaxe temos visto como as comunidades que aquí viviron dende a Prehistoria manexaron diferentes estratexias de visibilización e invisibilización segundo como viñeran dadas: agora vénse os mortos, agora non, agora vénse as casas, agora non. Esta petrucia tradición, inserta no ADN galaico, reprodúcese na nosa clase política. A loita dentro do PSG co gallo do combate Rubalcaba-Chacón é un exemplo de manual desta querencia á espionaxe. Durante semanas os e as socialistas galegas estiveron controlándose sen amosar publicamente o seu voto, por suposto. Doutra volta, a fotografía de familia dos 317 delegados galegos do PP no Congreso do Partido en Sevilla é outro exemplo das nosas dotes naturais para a espionaxe. Algúns xa se infiltraron alí onde se coce o Poder.
 
A mirada que caracteriza aos galegos é o ollar de esguello. Esta mirada galaica, atravesada, é a mesma que deixaron gravada na historia do cinema todos os actores que se fixeron pasar por espías. Eses ollos por riba do xornal que non perden detalle do que ten lugar na rúa. Un clásico. Se temos que botar mar dun símil televisivo, eu creo que o personaxe que define esta característica nosa é a marabillosa “vieja del visillo” de José Mota. Esta señora chismosa é a verdadeira padroa da ciencia galega, moitas veces empeñada en non facer nin deixar facer, en espiar o que fan os demais ou deixan de facer. Os científicos e as científicas galegas vimos de cruzar a soleira da espionaxe guindando máis alá da estratosfera o psicosatélite Xatcobeo. O anceio dos vellos galeguistas feito realidade: Galicia como célula de universalidade.
 
No mundo coñecen a nosa capacidade de infiltración e espionaxe. Velaí temos o proxecto de creación da grande base europea de avións non tripulados Global Hawk. Seica o Imperio considera o concello de Trasmiras como a ubicación perfecta para estes indiscretos trebellos voadores. Galicia no eixo do sistema de vixiancia mundial. A ver se se concreta este proxecto. Eu creo que unha reunión entre Feijoo, Rajoy e Obama (galego-hawaiano) é necesaria para dar pulos a este centro de espionaxe global. Xa me imaxino a Feijoo falando por teléfono cos outros dous: “miramos de vernos, mirámonos e miramos o asunto”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA