VOTA | Investidura de Pedro Sánchez ou novas eleccións xerais?

GC pregunta aos lectores se cren necesario acabar coa parálise parlamentaria en España facilitando o goberno socialista ou se é necesario ir aos cuartos comicios desde 2015.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/07/2019 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

España volve estar nunha encrucillada. A fragmentación política e a inestabilidade parlamentaria teñen practicamente bloqueado o goberno do Estado desde o fin do bipartidismo, nun escenario no que as posicións son cada vez más radicais, cunha dereita cada vez máis extrema, unha esquerda estatal incapaz de deseñar unha vía de coalición e un maior peso de partidos independentistas, nacionalistas e rexionalistas (agás no caso de Galicia, fóra do taboleiro parlamentario).

Pedro Sánchez, presidente do Goberno
Pedro Sánchez, presidente do Goberno

As dificultades para chegar a consensos e formar maiorías suficientes para conformar un goberno estable volven abrir a posibilidade dunhas novas eleccións xerais este ano. Serían as cuartas desde 2015 e as segundas este ano.

PSOE e Podemos non se poñen de acordo no modelo de goberno. Os primeiros están abertos a reeditar a fórmula pasada, con pactos puntuais cos morados, pero conformando un goberno unicolor socialista. Os segundos esixen esta vez ocupar carteiras ministeriais, malia o seu retroceso electoral. E aínda que pactasen calquera fórmula, sería insuficiente, pois necesitarían máis apoios para investir a Pedro Sánchez presidente e aprobar leis e reformas durante a lexislatura. Aí entran en xogo outras forzas que serían claves para isto: independentistas, nacionalistas e rexionalistas. Todos queren coller cacho a cambio do seu voto a Sánchez.

A suma máis simple que facilitaría un novo goberno é a de PSOE e Ciudadanos, pero as enormes tensións entre ambas as partes e a radicalización dos laranxas (cada vez máis achegados á extrema dereita, á que os de Rivera e o PP abriron as portas de gobernos autonómicos, provinciais e locais) fan, a día de hoxe, imposible esa vía.

Segundo as enquisas, nunhas novas eleccións todos perderían, agás o PSOE, que incrementaría a súa forza parlamentaria. Podemos, Vox e Ciudadanos serían castigados e o PP, aínda que podería avanzar algo, seguiría sendo unha forza sen capacidade no Parlamento e no Senado, cada vez máis alonxada do PSOE en número de escanos. Iso si, as sumas practicamente serían as mesmas entre os distintos bloques, o que nos levaría, segundo as sondaxes, ao mesmo escenario.

O debate agora é se debe haber investidura de Pedro Sánchez co apoio de Podemos e doutras forzas de esquerda e nacionalistas e independentistas, ou polo menos coa abstención de Ciudadanos, ou se o mellor sería volver convocar eleccións.

Ante esta parálise parlamentaria, GC pregunta aos seus lectores se o mellor para o interese xeral sería desbloquear a situación e facer andar o Estado facilitando a investidura de Pedro Sánchez (ben sexa cun goberno de coalición ou de pactos puntuais) ou se manter a parálise parlamentaria e convocar novas eleccións para despexar o camiño.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 GarrulónMan

Podemos iría un pouco a peor. En Galiza xa non sacarían nada. O BNG probablemente sacaría 2 e habería un goberno da dereita e extrema dereita ao estilo de Madrid porque a subida do psoe non sería suficiente para compensar a caída de podemos. Pedro é un xogador nato, un Príncipe de Maquiavelo, pero a sorte ten un límite.

1 Multinick

O BNG 2? En serio? De soños tamén se vive...

2 GarrulónMan

Querido e amado multinick de veras que o que máis che preocupa e fastidia é que o BNG saque 2? Pois tendo en conta os votos de municipais e europeas esa é a posibilidade, e dixen probablemente, e igualmente é probable que podemos non saque nada en Galiza. Pois a min o que máis me fastidia é que se se repiten as eleccións seguramente a matemática vaille dar o poder á dereitona. Seguide así que vades ser máis efímeros que UPyD, e facedes méritos a montóns. Por certo, independentemente dos votos, aquí sodes irrelevantes a nivel social.