Ecoloxistas e ornitólogos presentan un recurso contra o plan rector para as Illas Atlánticas

A Sociedade Galega de Ornitoloxía e a Asociación Verdegaia consideran que as súas alegacións ao Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque das Illas Atánticas, foron tratadas con desconsideración por parte da Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2019 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Ornitoloxía, SGO e a Asociación Verdegaia, presentaron  un Recurso Contencioso-Administrativo ante o Tribunal Superior de Xusticia de Galicia. O documento foi presentado contra o Decreto 177/2018, que aprobaba o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Illas Atlánticas . RICARDO PAREDES
Illas Atlánticas . RICARDO PAREDES | Fonte: SEOBIRDLIFE - Arquivo

As dúas asociacións ambientais declaran que “tendo xa recibido o traslado do expediente administrativo correspondente, ambas entidades están analizando a documentación de cara a presentar antes do oito de xullo os correspondentes motivos da denuncia”.

Segundo a SGO e Verdegaia “o PRUX das Illas Atlánticas estivo a exposición pública a mediados do pasado ano 2018”. Durante ese proceso “ambas entidades formularon as súas alegacións e comentarios nun proceso participativo, que se limitou na realidade a unhas breves e parciais respostas por parte da administración da Xunta de Galicia”. No seu comunicado, ambas as dúas organizacións sinalan que a Admnistración galega “preferiu obviar e pasar por alto deixando sen respostar moitos aspectos que ambas entidades denunciaron”.

Estiman que as alegacións que presentaron ao PRUX das Illas Atlánticas foron tratadas “cunha falta total de criterios de conservación e dunha mínima seriedade ás observacións realizadas por Verdegaia e a SGO”. Xunto a isto, denuncian tamén “unha continua desconsideración ás queixas que a través dos dous representantes do movemento ecoloxista no Padroado do Parque Nacional se teñen presentado nos últimos”, e foi por isto que tamén se tomou “a decisión de presentar un contencioso-administrativo ante o TSX de Galicia”.

Consideran que a Xunta non menciona as especies que están censadas “nos últimos anos, e mesmo publicados pola propia admnistración”, para “non xestionar, algo que cremos é absolutamente condenable e contrario ao que un PRUX debe facer”. Entre as especies mecionadas están o corvo mariño cistado, en descenso de número de parellas, a pardela cinsenta ou o furabuchos balear, este último segundo organismos internacionais como a UICN como en perigo crítico.

Entre outras consideracións, SOG e Verdegaia acusan que “a Xunta de Galicia aproba un PRUX cunha vocación eminentemente turística do espazo protexido, obviando os seus principais obxectivos de conservación e incluso poñéndoos en risco”. Outra “mostra do retroceso que este PRUX pretende levar a cabo, en canto a medidas de conservación, na zonificación resultante, a zona mariña de reserva é dun rotundo 0 % do total”.

Por último, engaden a súa “preocupación ante o recente debate en torno a nova Lei de Patrimonio Natural, que non mostra ningún síntoma de mellora e corrección a fin de poder evitar feitos como os expostos e que motivaron a presentación deste contencioso”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta