Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2019 | Actualizada ás 19:15
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someteu ao trámite de información pública e audiencia o anteproxecto de orde de declaración provisional da Torre de Hércules como Espazo natural de interese local.
Así se recolle no anuncio publicado este martes polo Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que se abre un período de 20 días hábiles contados a partir do mércores para que os interesados poidan consultar o expediente e a orde, así como enviar as alegacións e achegas que consideren oportunas.
Con este anuncio, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez dá un paso máis na tramitación desta zona como Espazo natural de interese local, en resposta á solicitude presentada polo Concello da Coruña en xaneiro do ano pasado.
A Xunta lembrou que a Lei de Conservación dá Natureza recoñece os Espazos naturais de interese local como unha das categorías nas que se clasifican as zonas naturais protexidas e atribúe a súa declaración á consellería competente en materia de conservación da natureza, sempre a petición previa do concello no que se localice.
No caso da Torre de Hércules, a superficie proposta ocupa unha extensión de 39,48 hectáreas que abarcarían desde a marxe esquerda da Praia das Lapas, pasando pola contorna do monumento da Torre, Punta Herminia e campo dos Menhires, ata a marxe dereita da cala de Durmideiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.