Por Galicia Confidencial | Rois | 14/07/2019 | Actualizada ás 11:35
O xornalista Pepe Domingo Castaño, un dos grandes comunicadores da Cadena Cope, e un dos seus irmáns, Fernando, son os artífices dunha romaría tabernaria en honra a un santo inventado ao que non poden recoñecer autoridades civís, militares nin eclesiásticas: o "parrandeiro" Sanviño, natural da localidade rural de Seira, en Rois (A Coruña), quen regresa tras un ano de descanso.
A orixe deste particular ídolo, a diferenza doutros integrantes do santoral, aínda que non se lle coñece milagre algún máis que o de xuntar anualmente desde fai máis dunha década a un nutrido grupo de fieis para honralo, conta cunha receita infalible: comida, bebida, música e boa compañía.
"Estabamos reunidos na taberna O Pemento o taberneiro, Juan Gómez, Ángel Rei, Camilo Rodríguez Pazos, Pepe Domingo e eu", explica Fernando Castaño, quen relata como estes cinco visionarios, alá por 2005 e á calor dun bo ribeiro, tiveron unha epifanía: "esta taberna necesita a súa propia romaría".
Pero claro, toda romaría necesita do seu santo e, ante a ausencia dun natural de Rois, decidiron crear un propio. Así foi como naceu Sanviño de Roisieira, "honorable protector do viño ribeiro por rosalianas terras do Sar".
"ROMARÍA NOVA"
"Queriamos unha romaría totalmente nova, moderna e cunha imaxe propia, así que ese mesmo ano fíxose en madeira de castiñeiro a imaxe -sen santificar, por suposto- de Sanviño", relata Fernando Castaño, autor da escultura que representa a este santo e que preside a súa particular igrexa, a taberna O Pemento, onde se lle profesa pagá devoción.
Desde entón, a romaría vén celebrando cada ano, aínda que en 2018 os fieis de Sanviño non puideron gozar dela, polo que o anuncio do seu regreso o 13 de xullo de 2019 era dobremente esperado.
A romaría, como non podía ser doutra maneira, cumpre a machada cos preceptos destas sacras peregrinacións: a marcha arrinca ás 12.30 horas na taberna cunha ofrenda -aperitivos, cata de viños e vermú, faladoiro e gaiteirada- e conclúe fronte á antiga Casa do Bispo, onde xa non habita ningún relixioso.
Entre medias, o presidente da Orde de Sanviño, José Luís Baleirón, nomeará ·Dama de Sanviño 2019" a Socorro Rodríguez Castro; damas e cabaleiros desta orde son nomeados cada tres anos.
Unha vez concluída a peregrinación, coa taberna como destino final, os "romeiros" honran a Sanviño comendo e bebendo, cun menú que inclúe desde pementos de Herbón até churrasco, rabas de lura, rosca de Noia, ensalada de tomate caseiro ou polo "á grella". Todo iso consagrado, por suposto.
VIÑO E PEMENTOS
Esta comida ten lugar baixo a atenta mirada de Sanviño, quen na imaxe elaborada por Fernando Castaña móstrase con rostro amable, unha boina, as fazulas rosadas e portando un acio de uvas nunha man e un pemento de Padrón na outra.
A falta de auga bendita, os comensais téñense que conformar con viño, café, licores ou vermú; así o marca a tradición, que tamén establece que esta romaría ha de ter lugar o sábado anterior ao 25 de xullo, sempre que o separen polo menos cinco xornadas do Día de Galicia e a Festividade do Apóstolo Santiago.
Finalizada a sobremesa, os "romeiros" coñecerán o nome do próximo "Cabaleiro de Sanviño" e disporanse a honrar á súa deidade da man da Charanga O Santiaguiño.
En tempos en que algunhas romarías caen no esquecemento e os santos contan cada vez con menos devotos, a pequena localidade de Seira conta cunha deidade de recente creación que cada ano obra o milagre de reunir aos seus fieis para honrar a vida: Sanviño de Roiseira, quen, a falta dun trono celestial e igrexa terreal, vive na súa propia taberna.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.