Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 15/07/2019 | Actualizada ás 13:04
O BNG critica a "irrelevancia política" a nivel estatal á que conduciron Galicia durante este último mes e medio. No marco do debate de investidura que se ha celebrar na semana próxima, Ana Pontón asegurou en rolda de prensa este luns que "todo indica que o resultado será un "debate morto, fallido". Sobre a posibilidade de que se repitan eleccións, a portavoz considera que a gran maioría dos cidadáns non o entendería: "xa cumpriron coa súa parte de responsabilidade".
"A política estatal navega entre dúas augas: a irresponsabilidade e o infantilismo", comenta. Un caldo de cultivo que, segundo a portavoz nacional do partido, impide que as necesidades importantes que ten Galicia e que dependen do Estado non se poñan enriba da mesa. Por contra do que acontece cos cataláns, vascos, canarios ou cántabros, referencia Pontón, Galicia está "ausente, muda e desaparecida".
Criticou, entón, a falta de propostas para unha "longa lista de agravios": "o espolio enerxético, a estafa das peaxes da AP-9, un sistema de financiamento que nos fai perder 3500 millóns de euros cada ano, a débeda de 200 millóns do estado a Galicia en materia de dependencia, e a necesidade de que se invista no ferrocarril". Fronte a isto, Ana Pontón asegurou que "para que Galicia teña peso na política estatal ten que estar o BNG". Segundo a portavoz, "tanto o PP coma o PSOE non teñen ningunha posición seria de país".
Pontón apela a recuperar a idade de xubilación aos 65 anos, a eliminar as restriccións impostas polo Estado para a xestión directa dos servizos públicos, a mellorar o estado das pensións galegas, as segundas máis baixas do estado, e a mudar o actual sistema de financiamento. De igual xeito, referiuse á necesidade de reverter a precariedade laboral e a situación de recentralización política que implica "menos benestar e menos oportunidades para Galicia".
Respecto do nomeamento de Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo, Ana Pontón considera que "o problema non é a persoa, son as políticas". Parte da solución pasa, logo, por saír desa confrontación entre Feijóo e Caballero para centrar a atención nos problemas da cidade: a falta de depuración da ría, a perda de pulsión do emprego e a privatización da Sanidade, da que Vigo foi un "laboratorio". Segundo Pontón, "nada disto vai solucionar Corina Porro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.