Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/07/2019 | Actualizada ás 19:07
A Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil de Galicia acusan de “irresponsabilidade” á Xunta de Galicia tras suprimir o vindeiro curso 2019-20 o ciclo de Grao Medio en Emerxencias e Protección Civil no IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada.
Nun comunicado, a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil de Galicia denuncia que a Xunta “deixou sen saída educativa a 30 alumnos que este ano cursarían o segundo ciclo da cuarta promoción e deixou a 76 sen formación futura. “E faino a pesar de que hai un acordo en sede parlamentaria para impulsar a FP”, engade.
Desde a Xunta suliñan que a suspensión transitoria deste ciclo atende “única e exclusivamente a cuestións de carácter técnico e organizativo” derivadas das necesidades da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
Ademais, en resposta ao GC, a Consellería da Presidencia aclara que os 27 alumnos que comezaron o ciclo o ano pasado e que este curso pasan a 2º teñen “absolutamente garantido rematar os seus estudos nas mesmas condicións que os iniciaron”. Polo que respecta ao alumnado que solicitou acceder ao ciclo para o próximo curso suliña que “entrou no procedemento de admisión coas outras opcións marcadas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.