Sen entrar en valoracións da malograda lei do referendo catalán –para iso están os xuristas e mailo Constitucional–, se a intención era facer unha lei seria e non unha trapallada habilmente artillada polo podredoiro político para máis gloria do fecundo da podremia, é de supoñer que viñera prologada coa condición irrenunciable e claramente definida de acadar unha maioría incontestable, necesaria para aquelas accións políticas que de feito alteren de fondo a orde constitucional; ás trapalladas todo lle vale, abóndalle cunha participación dun 40 ou 50 por cento do electorado e desa porcentaxe o 50 por cento máis un, coma se tratase das normas de uso dos retretes públicos. Relémbrese que os partidos separatistas cataláns nunca presentaron un proxecto de actualización e dinamización da Constitución, Constitución que eles axudaron a redactar.