Coñecimos nos últimos días dúas revelacións que degradan máis a lexitimidade do actual Goberno do Estado. Por unha banda, sóubose que a ministra Ana Mato estaba casada en réxime de gananciais con Sepúlveda aínda no 2007. Pola outra, Mariano Rajoy publicou as súas declaracións fiscais. E destas tírase que no 2008, cando a crise xa era unha realidade, o PP- que depende segundo a súa contabilidade oficial nun 86% das subvencións públicas- incrementaba o soldo do seu Presidente nuns 28000 euros até elevalo a máis de 200.000 €/ano. Lembremos que sería no 2008 cando, segundo a versión-desmentida polo PP- do xornal “El Mundo” Dolores de Cospedal suprimiría os sobresoldos da rúa Xénova, que ascenderían no caso de Rajoy a 25.200 €/ano, segundo os apuntamentos publicados no xornal “El País” , tamén desmentidos polo PP.