Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2019 | Actualizada ás 10:33
Os músicos Depedro, Uxía e Maika Makovski actuarán este domingo a partir das 21:30 horas na Praza da Segunda República de Vilagarcía de Arousa, no marco da visita do buque 'Raibow Warrior' de Greenpeace á localidade pontevedresa.
Tras a súa chegada a augas galegas o pasado xoves, a organización realizou unha serie de actividades para "concienciar sobre a emerxencia climática, esixir medidas urxentes aos gobernos e empresas e difundir as alternativas viables de participación cidadá en enerxías renovables".
Este luns está prevista unha conferencia de prensa en véspera de que o barco partir do porto vilagarcián. Antes de pór fin á súa escala en Galicia, o 'Rainbow Warrior' fondeará o vindeiro martes fronte á Illa de Arousa, onde será despedido cunha marcha naval con dornas e galeóns pola ría.
O buque 'Rainbow Warrior' da organización ecoloxista atracou este xoves no peirao de O Ramal de Vilagarcía de Arousa, na que é a súa última parada en España da campaña 'En marcha polo clima' que levou ao "barco insigna" do colectivo por oito países e 15 portos, entre eles, o de Barcelona e Málaga.
A chegada á localidade arousá do 'Rainbow Warrior' produciuse despois da polémica protagonizada co Porto de Vigo, cuxo presidente, Enrique López Veiga, acusou á organización de levar a cabo unha "deterioración constante" da actividade pesqueira galega e de "desprestixiala".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.