Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2019 | Actualizada ás 14:13
Só sete dos 313 concellos de Galicia presentan en 2018 un saldo vexetativo positivo. Son Ames, Arteixo, Barbadás, Poio, O Porriño e Salceda de Caselas.
No que respecta aos concellos do sete grandes cidades galegas, todos eles presentan un saldo negativo, segundo a información que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).
O número de defuncións en Galicia no ano 2018 foi 32.394, valor moi similar ao rexistrado no ano 2017. Por outra banda, o número de nacementos continúa o descenso iniciado no ano 2009 e sitúase en 2018 en 16.561. O saldo vexetativo ou crecemento natural da poboación calcúlase como a diferenza entre o número de nacementos producidos nun ano e o número de defuncións.
A diminución dos nacementos acompañado dunha cifra similar nas defuncións provoca unha nova diminución do saldo vexetativo en Galicia no último ano, que pasa de 13.517 no ano 2017 a 15.833 en 2018. Hai máis de 30 anos que Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo.
OUTROS DATOS
O número de nacementos sitúase en Galicia no ano 2018 en 16.561, un 10,2% menos que os rexistrados no ano 2017. O 79,2% dos nacementos do ano 2018 corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o atraso na idade á que as mulleres galegas teñen os seus fillos. Así, no ano 2018, o 78,2% dos nacementos en Galicia foron de nais de 30 ou máis anos de idade; mentres os nacementos nese grupo de idade representaban fai dez anos o 68,2%. Os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 12,9% do total de nacementos, fronte ao 4,9% do ano 2008.
No ano 2018, rexistráronse en Galicia 32.394 defuncións. O 50% das defuncións corresponden a persoas de 85 e máis anos. A análise da distribución das defuncións en cada un dos sexos permite comprobar que nas mulleres as defuncións se producen a idades máis avanzadas que no caso dos homes.
No entanto, a maior parte das defuncións prodúcense en idades cada vez máis tardías; o 55,5% dos homes que faleceron tiñan 80 e máis anos e no caso das mulleres a porcentaxe que pertencía a ese grupo de idade era do 77,3%.
MATRIMONIOS
No ano 2018, rexistráronse en Galicia 8.394 matrimonios; 139 do mesmo sexo. Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron nas que se rexistraron maior número de matrimonios, 3.939 e 2.734 respectivamente, mentres que en Ourense só alcanzáronse os 697 matrimonios no ano 2018.
Nos matrimonios de diferente sexo pódese comprobar tamén un atraso nas idades ás que os homes e as mulleres casan. Así en Galicia, no ano 2018 o 78,2% das mulleres e o 87,2% dos homes tiñan 30 e máis anos; fai dez anos estas porcentaxes situábanse no 54,2% e no 68,9% respectivamente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.