Nove falecidos por afogamentos en praias e ríos no que vai de ano

Catro de cada 10 atencións por mergullamento ou afogo acabaron en morte. Só no mes de xullo, rexistráronse seis defuncións por esta causa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2019 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

A comunidade galega rexistrou nove falecementos por afogo nas praias e ríos galegos no que vai de ano.  Só na tarde do primeiro día de agosto tiveron que ser rescatados de senllas praias do municipio pontevedrés de Baiona unha nena e un adulto. En ambos casos lograron saír do contratempo con vida, pero catro de cada 10 atencións por este tipo de sucesos acabaron en morte nos primeiros seis meses do 2019.

Praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo
Praia de Meirás, Valdoviño (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

En concreto, a comunidade rexistrou nove falecementos dun total de 21 intervencións, que supón un 42,9% de defuncións, unha "mortalidade elevada", segundo admite a directora asistencial da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira.

En declaracións a Europa Press, Regueira advirte de que a capacidade de reanimación por parte das persoas que asistan a un destes casos é algo no que hai que traballar, pois é "importante mentres non chega a asistencia" e representa unha "posibilidade de mellora". Tamén recomenda, na medida das posibilidades, "lanzar algo" para permitir que a persoa se manteña á boia, posto que "a supervivencia está directamente relacionada co tempo mergullado". Con ese apoio, lembra, "pódese evitar a entrada de auga na vía de aire". Porén, como unha das recomendacións fundamentais, esta responsable do 061 alude á supervisión dos menores por parte dos adultos que estean ao seu cargo.

SEIS EN XULLO

Dita doutora recoñece que os meses de verán son potencialmente perigosos, posto que as series históricas mostran que os meses de xullo e agosto son os que concentran maior número de casos de mergullamentoou afogo.

Así, en 2019 foron 35 as asistencias que se realizaron na tempada estival, dun total de 53 en todo o ano. En 2019, xullo terminou con 12 intervencións, das cales seis concluíron en morte.

Por franxa de idade, os maiores acaparan "un pico", segundo sinala Regueira. Atribúeo a que cada vez se vai dando máis unha "vellez activa", que favorece que persoas con outras patoloxías asociadas se atopen en puntos de baño cando sofren un incidente.

DATOS TOTAIS

En total, as asistencias contabilizadas polo 061 por mergullamentos e afogos en praias e ríos da comunidade en 2018 foron 53, mentres que van 21 no primeiro semestre de 2019. A directora asistencial subliña que "non hai maneira" de predicir se este exercicio terminará cun balance máis baixo de vítimas. Destas 74 asistencias, 26 acabaron en falecemento: 17 en 2018 e nove no que vai de ano. Os meses de xullo (de 2018 e 2019) e agosto (de 2018) levaron 16 das defuncións.

En base ás cifras que reflicten que o colectivo máis novo non é o principal afectado por mergullamentos ou afogos, a doutora entende que "se cadra si" que inflúe unha maior concienciación sobre o risco que implica cometer imprudencias como tirarse de cabeza en zonas rochosas. Pero tamén engade que este grupo de poboación, "máis arriscado", tamén dispón de "máis mecanismos", como saber nadar.

No que respecta ao sexo, a incidencia é habitualmente maior en homes: 36 atendidos de 53 en 2018 (por 16 mulleres e un caso do que non dispón de información o 061) e 13 de 21 en 2019 (por sete mulleres e un individuo tamén sen especificar xénero).

A distribución por concellos das asistencias por mergullamento en auga ou afogamento sitúa a Sanxenxo á cabeza do ranking, con cinco intervencións: tres en 2018 e dous no que vai de ano. Séguenlle Ribeira, con catro (tres en 2019) e varios municipios como Nigrán, Pontevedra, Oleiros e Barreiros, con tres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta