Por GC Emprende | | 06/08/2019 | Actualizada ás 12:32
Tres emprendedores galegos, dous da Universidade de Santiago (USC) e un da Universidade da Coruña (UDC), viaxarán a Silicon Valley como gañadores do programa 'Explorer' impulsado por Banco Santander.
En concreto, segundo informaron os organizadores, os tres emprendedores galegos inclúense nun grupo de medio centenar de novos talentos españois que levarán as súas ideas a Silicon Valley.
Entre os mozos galegos seleccionados atópase Iván García Queijo, da UDC, cunha iniciativa empresarial que oferta servizos SIG (Sistemas de Información Xeográfica) para sectores relacionados co medio mariño. Tamén está Andreina Vargas Carrión, do campus de Lugo da USC, cunha empresa tecnolóxica que pon en valor a madeira local ao ofrecer un servizo integral para asesorar e comercializar sistemas estruturais innovadores e respectuosos co medio ambiente; e Jose Rodríguez Gago, do campus compostelán da USC, cun dispositivo médico que mediante tecnoloxía espectrofotométrica é capaz de detectar bacterias en tempo real.
Os proxectos destes emprendedores foron seleccionados entre 1.049 ideas de negocio presentadas nos máis de 50 Explorer Spaces que posúe o programa repartidos por toda España. Entre os gañadores hai iniciativas como un esqueleto biónico para labores de rehabilitación, unha startup que produce proteínas de alta calidade provenientes de organismos unicelulares, un sistema que facilita o transporte de cargas pesadas facéndoas levitar mediante repulsión magnética, un GPS adaptado para cegos ou unha produtora de biotintas para impresión 3D, entre moitos outros.
Os 56 gañadores desta edición viaxarán o 31 de outubro a Silicon Valley, en California (EE.UU.), onde realizarán unha inmersión cultural que inclúe visitas a empresas como Google, Facebook, Apple ou Airbnb, masterclasses en universidades como Singularity University ou Stanford, participación en eventos de networking e contacto con investidores.
INSPIRAR
"O obxectivo desta experiencia é inspirar e potenciar aos mozos emprendedores para acelerar o desenvolvemento das súas startups, brindándolles conexións para a internacionalización dos seus proxectos e a procura de financiamento", destacaron os organizadores.
Ao seu regreso, os 56 mozos asistirán á Cidade Grupo Santander de Boadilla del Monte, onde un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras, seleccionará aos gañadores globais de Explorer 2019. O tres mellores emprendedores recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para que poidan acelerar os seus proxectos.
Tamén se entregará o premio Woman Explorer Award -patrocinado pola Fundación EY-, que concederá 20.000 euros á emprendedora máis destacada de Explorer, e o premio Disruptive Tecnology Explorer Award -impulsado por Indra-, que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio máis innovador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.