Por Galicia Confidencial | Ourense | 08/03/2024 | Actualizada ás 09:00
Expourense, en colaboración coa empresa especializada en informática e márketing dixital Dixital Gou, lanzan a segunda edición de “Inspiro”, un encontro interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e centros de Formación Profesional) tanto de Galicia como do Norte de Portugal.
Este encontro celebrarase o 18 de abril no recinto feiral ourensán e, ademais de incluír un programa de conferencias de expertos e encontros de “speed networking”, albergará a final do Segundo Concurso de Proxectos Emprendedores no que poden participar estudantes universitarios, de formación profesional, emprendedores e calquera persoa con ideas innovadoras. Tanto o Encontro Inspiro como o Concurso de Proxectos Emprendedores contan co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e a colaboración da Universidade de Vigo e da Asociación de Novos Empresarios AJE-Ourense.
OBXECTIVOS DO CONCURSO
O obxectivo deste II Concurso de Proxectos Emprendedores é vincular o ensino co mundo empresarial de forma bidireccional, é dicir, que as empresas coñezan os proxectos e investigacións que se realizan nos centros educativos para que poidan aplicalos á súa actividade e, tamén, que as empresas estimulen nos alumnos a capacidade de crear proxectos cunha clara visión práctica que logre aumentar a produtividade e competitividade. En definitiva, poñer en contacto as ideas, o talento e a experiencia. Como novidade, este ano ábrese o concurso a calquera persoa con espírito emprendedor e ideas innovadoras que queira presentar o seu proxecto ante representantes do mundo empresarial e formativo.
PARTICIPACIÓN, PRAZO E PREMIOS
O prazo para presentarse a este concurso está aberto ata o 24 de marzo ás 23.59 horas e permítese a participación agrupada (máximo 3 participantes). Os premios aos gañadores serán en metálico (hai 1.100 euros a repartir en 3 premios) e inclúe tamén unha mentorización a cargo dun experto ou empresa. A participación está aberta a alumnado e emprendedores de Galicia e Portugal que poderán presentar os seus proxectos fin de curso ou ben crear un "ex proceso" para o concurso; a temática do mesmo terá que estar enfocada a aumentar a produtividade ou a calidade en áreas como a dixitalización, o desenvolvemento rural, o turismo, a sustentabilidade, a eficiencia, a sanidade ou o deporte.
As bases de participación e o formulario de inscrición deste concurso están dispoñibles na web www.inspiro.es
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.