Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 07/08/2019 | Actualizada ás 21:00
Esta fin de semana hai espectáculo de touros en Pontevedra, a única deste tipo en Galicia e considerada como a “fiesta de España” por excelencia en círculos taurinos. Un espectáculo prohibido xa en lugares como Cataluña, con goberno nacionalista, pero que o Concello de Pontevedra segue apoiando cun convenio que permite publicitar as touradas nas rúas da cidade. "Un apoio que, ademais de supoñer unha axuda económica para os propietarios da praza de touros, permite a ocupación das vías de Pontevedra con grandes carteis anunciando as touradas".
Esa é a denuncia que fan plataformas animalistas como Galicia mellor sen touradas ou Libera, e á que se suma tamén Podemos Galicia. Os portavoces da formación morada lembraron que as corridas contan co rexeitamento maioritario da cidadanía galega.
Así, o deputado de Podemos e portavoz de Medio Ambiente no Parlamento de Galicia, Marcos Cal, e o secretario de Benestar Animal de Podemos Galicia, Rubén Pérez Sueiras –que ademais é o voceiro de Libera--, lembraron que a retirada de apoio institucional ten sido determinante para ir rematando coa maioría dos eventos taurinos en Galicia. “Por iso esiximos tanto ao Concello de Pontevedra, gobernado por una coalición de BNG e o PSOE, como á Xunta, gobernada polo PP, que rematen con calquera tipo de colaboración”, expresaron nun comunicado.
Doutra banda, Podemos tamén critica que a Xunta negouse a garantir que non enviará a representantes nin membros do seu goberno ás corridas desta fin de semana, como vén facendo nos últimos anos. “Demandamos á Xunta que se manteña neutral e que ningún membro do Goberno galego asista ás touradas mentres miles de pontevedresas se manifestan pedindo a súa eliminación”, dixo Marcos Cal.
Pola súa banda, Rubén Pérez puxo o exemplo da Coruña na pasada lexislatura cando, gobernado pola Marea Atlántica, eliminou os subsidios ás touradas. “É a demostración de que estamos diante dun negocio que só pervive socializando custes e fomentando actos bárbaros como o maltrato animal”.
DECRECENDO ANO TRAS ANO
Este tipo de espectáculos leva decrecendo nos últimos anos en Galicia. Así, dos nove eventos taurinos celebrados en 2014 quedaron sete en 2015 e só catro en 2016, 2017 e 2018. En 2019 son só tres, quedando as touradas de Pontevedra como único evento de entidade en Galicia.
Unha situación que reflicte, tamén, a recollida de 377.000 sinaturas pola asociación Galicia mellor sen Touradas. Outra asociación, Touradas fóra de Pontevedra, leva dez anos organizando unha manifestación na cidade á que este ano adheríronse xa 115 colectivos. Celebrarase o próximo sábado a partir das 20.00 horas baixo o lema “Agora abolición” e partirá da praza da Peregrina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.