O bosque atlántico e a dieta mediterránea

"Hai incendios porque non hai labregos", Xornal Agrario Galego; "Os recortes, no monte, prenden", licencia do autor para a adaptación contemporánea do refraneiro labrego galego

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 04/04/2012

Comparte esta noticia
Seica a maior impotencia que pode sentir hoxe unha galega/o é ficar coa impresión de que todo o que acontece nas Fragas do Eume é un desenlace máis, dramaticamente anunciado, da deriva que envolve ao patrimonio galego, tanto na súa dimensión física (natural e arquitectónica) como espiritual (lingua e cultura), e sen o cal non seriamos nin sequera unha rexión periférica, de arrabalde; nin unha provincia de asimilados; seríamos máis nada un pedazo de terra, indigna de ter nome de seu. 
 
Fóra de ideoloxías que, loxicamente, este autor que escrebe ten, é compartida, alén da dor, a sensación de que a man asasina que faiscou de maneira tráxica e irreparábel o máis importante tesouro forestal de Galiza contou coa complicidade de dirixentes políticos irresponsábeis e modelos económicos incompatíbeis cun territorio onde dúas terceiras partes corresponden a masas forestais. Así mesmo, calquera que teña capacidade de autocrítica convirá en que eses modelos económicos insostíbeis postos en marcha ou preferenciados de continuidade por dirixentes perigosamente despolitizados, desleixados de ideoloxía social e entregados ao mercantilismo, teñen sido implicitamente ratificados pola inanición dun pobo soberano perigosamente despolitizado, desleixado de ideoloxía social e entregado ao mercantilismo.
 
Na era pre-europea, Galiza partía cunha estrutura social natural de minifundios e montes en man común onde os criterios de xustiza e igualdade no reparto do medio de produción básico, que é a terra, estaban comparativamente máis presentes que en ningún outro lugar de Europa. O minifundismo; o inimigo mortal dos terratenentes, das empresas forestais, dos investimentos inmobiliarios, dos polígonos industriais e dos seus vértices mediáticos (os medios de comunicación corporativos); e a súa tradución económica nun réxime solidario, o cooperativismo agrario, foron os principais valedores do monte galego ao longo dos séculos. A mellor prevención contra os incendios residía nunha lexión de atarefados labregos que limpaban de toxos e silveiras un monte rico, variado e útil, e que acudían rápidos e en masa a refrescalo cando as campás tocaban a lume.
 
O aproveitamento desa riqueza excepcionalmente distribuída  – auténtico tesouro, equiparábel no eido social ás Fragas – e o seu dereito consuetudinario arrastraron durante anos a pesada lousa de ter que convivir con leis feitas para un Estado mesetario e mediterráneo, reducíndose á mínima expresión cando este, pola súa vez, foi engulido pola Unión Europea de eixo franco-xermánico.
 
A secuencia cronolóxica comeza pola fuxida masiva das novas xeracións, seica por necesidade, seica afectadas dun "ataque de modernidade" máis virulento no noso país que no resto do Estado pola intervención de elementos de autoodio; seguidamente, a inoculación do virus da especulación (esencia mesma do capitalismo e inimigo irreconciliábel do traballo), cultivado na cepa mediterránea da Península, veu ademais acompañada dunha nova elite de terratenentes da madeira; coincidindo no tempo, apareceu unha nova lexión de "intermediarios" ou comerciais decididos a parasitar os últimos redutos de beneficio daqueles labregos que aínda ficaron traballando. Nos últimos anos podemos estar asistindo ao golpe de graza, co fin da libre iniciativa privada agraria que chega de mans do segundo réxime de planificación económica da historia de Europa, tras o modelo soviético: a Unión Europea.
 
Coa perda da utilidade agraria, as parcelas asignadas a cada unidade familiar van ficando baleiras e o exército de valedores dos nosos montes decímase a pasos axigantados. Este é o argumento que defenden aqueles que manteñen unha oposición frontal ao minifundio galego, os mesmos que adestran aos xornalistas financeiros a dicir como loros que un mercado atomizado (con moitos actores e contraposto ao monopolio, público ou privado) equivale a un mercado non competitivo. Desta guisa, promoven unha nova racionalización "mediterránea" do noso país, antinatura; baseada en grandes latifundios de montes que transfiran a riqueza do pobo, do mesmo xeito que acontece coa soberanía, a unha elite capitalista composta por empresas forestais, mineiras e especuladores inmobiliarios (bancos), alén de patéticos busca-fortunas.
 
É importante que sexamos conscientes de que a desintegración do minifundismo virá acompañada da desintegración da natureza galega tal e como a coñecemos hoxe; unha natureza peculiar que, indubidabelmente, leva esculpindo a nosa personalidade nacional a través do tempo.
 
Só hai unha alternativa social ao lume, aos eucaliptos e ás minas a ceo aberto: devolver a produtividade ao noso campo, recuperando o noso dereito a producir libremente e instaurando as medidas proteccionistas lóxicas que toda nación outorga aos seus produtos autóctonos. Darlle valor á parte máis natural (como non podía ser de outra forma) da natureza galega: as castiñeiras, as carballeiras, os regatos (o ouro do século XXI), os ríos coa súa pesca e a súa beira-caza. E o civismo, esa palabra tan romana emporcada no seu significado orixinal por aqueles que buscan escusas para darlle unha malleira a un estudante co brazo armado da lei... o civismo nestas latitudes, digo eu, é mercar o leite fresco e non esa merda acartonada; ir á tenda e non ao Alcampo; volver ao monte, volver á aldea os fins de semana; plantar uns tomates os que teñades un pedaciño de terra, deixar os xardíns de Beverly Hills e tornalos en horta...
 
A primeira vez que voei polo ceo de Inglaterra, o que me chamou máis a atención foi ver unha superficie tan verde con tan poucas árbores. Ao igual que sucede con Castela, a alopecia inglesa ten a súa orixe no seu sistema histórico de produción agrícola, baseado no pastoreo nómade. Galiza non é que vaia camiño de ser un grande campo de golf estilo inglés, aínda máis grave, os nosos dirixentes levan tan dentro o seu compromiso co Estado castelán que, a forza de virarlle as costas ao noso pasado, rematarán por queimar as esencias máis sagradas de Galiza até convertela en Meseta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.