A gastronomía galega estará presente un ano máis na Volta Ciclista a España

O bonito de Burela, as galletas Daveiga, os queixos do Cebreiro e San Simón, as Fabas de Lourenzá, a pataca ou a Tenreira Galega están entre os produtos escollidos para promocionar un ano máis na Volta Ciclista.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/08/2019 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

Vinte produtos gastronómicos da provincia de Lugo estarán presentes na Volta Ciclista a España por oitavo ano consecutivo, grazas a unha colaboración entre a Xunta de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría de Lugo (Apehl) e a empresa organizadora do evento, Unipublic.

Queixos. Fonte: CRDOP San Simón da Costa
Queixos. Fonte: CRDOP San Simón da Costa

En concreto, os distintivos e marcas que se promocionarán "mundialmente" a partir deste sábado serán o bonito de Burela (ABSA), o leite 'Galego 100%', as galletas Daveiga, o pan de Lugo (AFAPAN) e as razas porco celta (ASOPORCEL), galiña de Mos (AVIMOS) e cordeiro de raza galega (ASOVEGA), ademais de varias I.X.P. (Indicación Xeográfica Protexida) e D.O. (Denominación de Orixe).

Entre estas últimas, repiten no evento deportivo os queixos de Arzúa-Ulloa, O Cebreiro e San Simón da Costa, ademais dos viños de Ribeira Sacra e o aceite de Quiroga.

Con respecto a indicacións xeográficas protexidas, tamén volven á cita ciclista os Pementos de Mougán, Fabas de Lourenzá, Grelos de Galicia, Mel de Galicia, Pataca de Galicia e, conxuntamente, Tenreira Galega e ACRUGA baixo o epígrafe 'Tenreira Galega Suprema - Carne de Rubia Galega".

O presidente de Apehl, Cheché Real quixo destacar así mesmo que varios representantes da Asociación de Cociñeiros da Mariña elaborarán diferentes pratos cos produtos promocionados, unha iniciativa que se repetirá por segundo ano consecutivo. "Estarán na etapa 16, que se inicia na localidade asturiana de Pravia, e tamén nalgunha máis", puntualizou Real.

O máximo representante dos hostaleiros lucenses tamén sinalou que a promoción turística que se fai durante A Volta vai "máis aló dos propios produtos". "A xente achégase e sorpréndese, por exemplo, de que en Lugo teñamos mar", destacou Real. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta