Por Galicia Confidencial | Bande | 21/08/2019 | Actualizada ás 09:00
O encoro das Conchas volveu tinguirse de verde nesta tempada estival e rexistrou un empeoramento da súa calidade da auga coa presenza de cianobacterias. É a denuncia que fai Amigos da Terra logo da última analítica realizada o 19 de agosto.
Tamén un informe recente realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica alerta do risco de contaminación por nitratos que existe nas aguas dos ríos en varios puntos da comarca de Xinzo de Limia.
Esta asociación ecoloxista destaca que na ultima semana producíase un “bloom” de cianobacterias, que son favorecidas polas altas temperaturas, máis horas de luz solar e un exceso de nutrientes, principalmente nitratos das explotacións gandeiras da comarca da Limia. "Isto é o caldo de cultivo perfecto para que proliferen as cianobacterias, e consecuentemente afectando á salubridade e o estado sanitario das augas", indica.
De feito, na zona de Portoquintela, no concello de Bande, alcanzouse o nivel máximo de risco de proliferación de cianobacterias caracterizándose como Nivel 3, no que o reconto de cianobacterias supera as 100.000 cél/mL. Tamén, segundo os ecoloxistas, nas analíticas realizadas se teñen detectado natas de cianobacterias en áreas onde pode existir contacto directo cos bañistas e existe risco de inxestión ou aspiración.
Estes resultados son indicativos dunha alta probabilidade de efectos adversos para a saúde. "A presenza de natas e espumas xeradas por cianobacterias é un indicador de potencial risco de efectos severos para a saúde para as persoas que tomen contacto con estas, polo que estaría prohibido bañarse nin realizar actividades acuáticas na zona de Portoquintela", suliña.
Amigos da Terra manifesta que estes episodios recorrentes de contaminación por cianobacterias "non se solucionan se non se atalla a problemática da xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións da comarca da Limia e Baixa Limia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.