Por Galicia Confidencial | Teo | 28/08/2019 | Actualizada ás 18:47
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, contraria ás obras da empresa Toysal nunha antiga canteira en Teo, recibiu “a noticia da tramitación por parte da Xunta do expediente de caducidade mineira” do proxecto. Ademais, a apertura deste expediente “valórase desde a Plataforma moi positivamente pero non o consideran o final do proceso”.
Así, lembran que “o plan de restauración segue o seu camiño e o 21 de setembro remata o prazo para presentar alegacións ao estudio de impacto ambiental”. Desta maneira “a plataforma fai un chamamento á veciñanza neste mes de setembro para persoarse de forma masiva e conseguir miles de alegacións”.
Para levar adiante estas accións haberá “unha reunión informativa o día 12 de setembro ás 20:30 no San Martiño”. Nela explicarase “o procedemento a seguir, entre outras cousas informarán da disposición da plataforma para axudar coas alegacións a calquera veciño e veciña que o necesite nas mañás do sábado 14 e domingo 15, de 10:30 a 13:30h”.
Desde a Plataforma tamén “recordan á veciñanza que a apertura do expediente de caducidade indica que van no bo camiño pero que aínda non deben baixar a garda. A empresa pode alegar esta caducidade e aínda non se sabe quen gañará finalmente”.
A agrupación veciñal de Teo tamén lembra que “a comezos de agosto representantes da plataforma reúnense co xefe de servizo provincial de Minas, o xefe territorial da Consellería de Industria e o delegado da Xunta na Coruña”. Nesta reunión, “fraguouse que os representantes da Xunta informan á plataforma que o plan de labores de Toysal e o baleirado da lagoa natural que hai na canteira da están aprobados”.
Con posterioridade esixiron que o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, respondese ás súas funcións de vixilancia e “abran o expediente de caducidade, porque alí hai anos que non se move unha pedra, e iso sabémolo ben os veciños”. Máis adiante, chegou por escrito “desde a Xunta que a plataforma Casalonga Limpa de Resíduos non ten lexitimidade para personarse no expediente administrativo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.