Que hai detrás da (des)protección do lobo... "O Goberno actuou con torpeza"

O biólogo e especialista no estudo do lobo Pedro Alonso, que acumula décadas de estudo sobre este animal, lamenta que non houbese diálogo para buscar o consenso con todas as partes implicadas e interesadas na xestión do lobo, así como a falta dun estudo demográfico sobre a poboación de lobos o suficientemente rigoroso.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A recente decisión do Goberno de España de rebaixar a protección ao lobo ao norte do río Douro reabriu un debate que enfronta posturas irreconciliables. Mentres os gandeiros celebran a medida como un alivio fronte aos ataques ao seu gando, os ecoloxistas advirten do risco que supón para a conservación dunha especie clave no equilibrio dos ecosistemas. Galicia, unha das comunidades con maior presenza de lobos, sitúase no centro da controversia, con sectores que reclaman unha xestión máis flexible e outros que alertan sobre o perigo de volver a prácticas que poderían ameazar a supervivencia da especie. Que implica realmente esta rebaixa de protección e cales son as súas posibles consecuencias? Podería terse feito mellor ou optado por outros métodos alternativos? Galicia Confidencial pregunta aos expertos na materia sobre estas e outras cuestións. Hoxe falamos co biólogo e especialista no estudo do lobo Pedro Alonso.

Conservación e xestión do lobo (Canis lupus)
Conservación e xestión do lobo (Canis lupus) | Fonte: WWF - Arquivo

"Desde o meu punto de vista creo que a rebaixa da protección ao lobo non se asenta sobre unha valoración do estado demográfico deste animal o suficientemente rigorosa como para poder presentar un plan de xestión da especie sólido", advirte Alonso, que destaca que "habería que afinar máis a descrición do estado demográfico". De feito, lembra que os datos actuais non son rigorosos, xa que as cifras bailan en función do organismo que as dea. "As cifras bailan porque as administracións encargan estudos sen dotalos o suficiente dende o punto de vista económico", critica, e denuncia que, "máis en concreto, a Xunta quere aforrar e dota á elaboración dun censo de lobos de 50.000 euros, que non dán para nada, non chegan nin a empezar". Con todo, o biólogo non nega que "seguramente si houbo un incremento no número de ataques de lobos a gando", pero "unha cuestión é a da xestión tanto do estado demográfico do lobo como dos ataques á gandaría por parte do mesmo e outra cuestión é a política".

"SEN O PERTINENTE CONSENSO NON SE PODEN EVITAR OS POSTERIORES CONFLITOS, O QUE DERIVA NUNHA POLARIZACIÓN E TENSIONAMENTO SOCIAL"

Sobre esta última, sinala que "a cuestión política, no tocante á inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe), tampouco foi afortunada, porque non atendeu a un proceso de diálogo con todos os actores implicados nin obtivo o consenso dos afectados polo lobo", o que abrangue dende os propios gandeiros ata asociacións ecoloxistas, expertos e á mesma sociedade no seu conxunto. "Sen o pertinente consenso non se poden evitar os posteriores conflitos", considera o biólogo. Dende o seu punto de vista, "cando se trata de conservar unha especie, o primeiro que se debería facer sempre é chegar a un acordo con todas as partes, para evitar que estas se polaricen e que iso conduza a unha situación de tensión que afecta, precisamente, á propia especie que se trata de conservar". Para Alonso está claro que iso é o que aconteceu coa incorporación do lobo a esa listaxe, que non houbo o suficiente diálogo previo que sustentase a decisión.

E é que nesa incorporación á listaxe "as cousas xa se fixeron mal dende o primeiro momento", o que derivou en "unha polarización e un tensionamento moi grande a nivel social que, agora, lle vén de volta, coa introducción de malas maneiras, pola porta de atrás, dunha emenda a unha lei que pouco ten que ver co lobo, forzando a retirada desa protección", expón o biólogo. Como debería terse abordado o asunto en opinión de Alonso? Pois "o que tería que ter feito o Goberno de España era, no momento en que así se lle solicitou, atender as solicitudes da xente que estaba padecendo os seus ataques, principalmente dos gandeiros". E, deste xeito, "modificar dalgunha maneira os documentos que acompañaban á medida da protección e que son de carácter técnico, para así flexibilizar, dalgunha maneira, as condicións ou os requisitos que se esixían para exercer os controis demográficos ou, alo menos, para permitir puntualmente algún control naquelas zonas nas que había danos recorrentes".

Un lobo ibérico do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, en plena Serra da Culebra
Un lobo ibérico do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, en plena Serra da Culebra | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

En lugar de atender esa demanda, Alonso opina que "o Goberno teimou en defender uns documentos técnicos ríxidos, que condicionaban o control puntual da especie á aplicación previa de medidas preventivas ineficientes para a gandaría extensiva de equino, o que, de feito, impediu calquera tipo de actuación por parte dos afectados". Que ocasionou isto? "Que en zonas do norte de Galicia, sobre todo no nordeste da provincia da Coruña e no norte da de Lugo, así como no occidente de Asturias e en Cantabria, se xerase un tensionamento moi grande e unha animadversión social tan enorme que derivou no aumento do furtivismo", sinala Alonso. Así as cousas, critica "a torpeza política do Goberno por non atender estas solicitudes e, dalgunha maneira, flexibilizar esa integración no listado de protección, por exemplo permitindo de maneira puntual controis sobre o lobo". Pois, do contrario, "se aumentas a protección por un lado, pero non eres quen de frear o furtivismo, fraco favor lle estás facendo ao lobo, para iso é mellor deixar as cousas como están". A falta de consenso e a crecente polarización e o tensionamento dexenerou cara a situación actual, na que "por medio tamén dunha manobra política, a oposición derrotou ao Goberno, que foi obrigado a eliminar ao lobo do listado".

"NON SE PODE PRETENDER PROTEXER AO LOBO SE NON SE FAI SITIO ÁS ESPECIES DE HERBÍVOROS SILVESTRES DAS QUE SE ALIMENTA"

Como conta o biólogo, a poboación do lobo estivo recuperándose e estendéndose por unha gran parte de Europa nos últimos 25 anos. Así, en Alemaña a poboación de lobo chegou de Polonia e de Bielorrusia; en Austria, Suíza e Francia chegou da poboación de lobos de Italia; no caso dos Pirineos, xa hai exemplares de lobo da poboación italiana cruzando a fronteira. Desta maneira, segundo apunta, "este retorno ou recuperación da poboación de lobos, indubidablemente, trae consigo conflitos, porque aumentan os ataques á gandaría". Pero hai un motivo fundamental para comprender tamén o aumento deses ataques, segundo sinala Alonso: "o voraz crecemento da silvicultura intensiva a través da plantación de eucaliptos, por unha banda, e da proliferación de grandes extensións de prados e pastos para a gandaría". Ante esta realidade, critica que "non se pode pretender protexer ao lobo se non se fai sitio ás especies de herbívoros silvestres das que se alimenta". "Se o lobo non ten outra cousa que comer, vai dirixir os seus ataques cara o gando", explica, lamentando que "non pode ser que o plan de xestión do lobo que se aproba cada tres anos sempre estea baseado no control demográfico da poboación", hai que ir máis aló.

Alonso apunta, ademais, a que en reservas nacionais de caza, como é o caso dos Ancares leoneses ou da Serra da Culebra zamorana, "hai grupos de lobos que ocupan territorios moi bos, nos que hai cervos, corzos, porcos bravos e outros animais que lle serven de sustento". Entón, neses lugares, os lobos non xeran conflitos, porque "non hai interacción coa poboación humana". En consecuencia, como non hai interacción cos humanos, "tampouco hai furtivismo". Pero, é esta a solución definitiva? Pois, como expón o biólogo, tampouco, porque no asunto do lobo a realidade é poliédrica e moito máis complexa e a cuestión debería ser abordada de forma transversal. E é que, "como nestes lugares os lobos teñen alimento e non hai problemas cos humanos nin furtivismo, crían ben e non hai elevadas mortandades", de maneira que "a poboación de lobos medra e remata espallándose cara outras zonas nas que hai peor calidade de hábitat e nas que, novamente, o único alimento que atopan volve ser a gandaría, en especial ovellas ou vacas pechadas en prados de produción semiextensiva".

"POR DESGRAZA, O MUNDO DO LOBO NON É SINXELO E SEMPRE VAI HABER CONFLITOS; HAI QUE ABORDAR A CUESTIÓN DE MANEIRA TRANSVERSAL"

"A do lobo non é unha cuestión plana, polo que hai que abordala de maneira transversal, quen pense que a Península Ibérica é como o Parque Yellowstone está un pouco confundido, porque por desgraza o mundo do lobo en áreas humanizadas non é sinxelo e sempre vai haber conflitos", considera Alonso, que insiste en "introducir e impulsar medidas preventivas dos ataques do lobo ao gando naquelas zonas nas que sexa posible o marxe de mellora desas medidas preventivas e impulsar outra estratexia alí onde a súa eficacia é moi limitada". E sinala, como exemplos, ás zonas nas que se conserva unha gandaría extensiva de cabalos salvaxes, tamén chamados bestas. "Nestes lugares non hai medida preventiva posible e, desgraciadamente, o aumento da poboación de lobo nalgunhas destas zonas dá lugar a que a depredación de poldros sexa moi grande e a que, en consecuencia, non haxa incorporación de poldras novas á poboación reprodutora", lamenta, apuntando que, "se non hai incorporación de poldras novas á idade reprodutora, a poboación de bestas en Galicia envellece". Ademais, sobre esta cuestión tamén critica o feito de que "non hai mecanismos económicos para soster a propiedade de bestas, pois o único que se lles paga a estes gandeiros son 200 euros ao ano por besta reprodutora acollida a pura raza galega".

A consecuencia directa? Como sinala o biólogo, que "a xente remata desfacéndose dos grupos de bestas que hai no monte e vendéndoos aos matadoiros". É por iso, tanto pola falta de incentivos económicos como polos reiterados ataques do lobo, que cada vez se poden ver menos bestas en montes galegos que antes estaban cheos delas, como no Monte de Cova da Serpe ou na Serra do Suído, entre outros, como os montes veciñais do norte de Lugo, onde se conserva o maior número de bestas en extensivo, pero onde tamén está aumentando esta problemática. Para Alonso este feito resulta alarmante, pois "as bestas son un tesouro patrimonial único que temos en Galicia" e que, máis aló diso, "cumpren cunha función ecolóxica, controlando o crecemento do mato ao alimentarse del, algo fundamental na loita contra os incendios forestais". "Para abordar este problema hai que facelo de maneira transversal, apoiando aos propietarios e incrementando as axudas para, dalgunha maneira, fidelizar a propiedade das bestas e evitar que a xente se desprenda delas motivada pola alta depredación e a falta de incentivos", conclúe Alonso.

Lobo comendo carne, en imaxe de recurso
Lobo comendo carne, en imaxe de recurso | Fonte: UGR - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta