O goberno de coalición PSdeG-BNG do ano 2005

Observando a metodoloxía desenvolvida nas recentes negociacións entre PSOE e Unidas Podemos, estaba matinando na posibilidade de que Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana enviasen un dossier a Pedro Sánchez e Pablo Iglesias explicando, documentadamente, o que sucedeu no ano 2005, nas semanas previas á consecución dun pacto entre PSdG e BNG para gobernar conxuntamente a Xunta de Galiza.

Por Xesús Veiga | Compostela | 30/08/2019

Comparte esta noticia
Ben sei que as situacións, en xeral, non son comparábeis. A envergadura da Administración concernida é diferente. Podemos -a parte principal da coalición UP- é unha organización con moi poucos anos de vida e con experiencia limitada en gobernos de coalición co Partido Socialista no ámbito municipal. Ademais: non hai precedentes desas fórmulas de goberno a nivel estatal (asignatura pendente do sistema político español dende 1977). Con todo, na experiencia galega do 2005, tamén había retos específicos aparentemente complicados: o BNG era unha organización política que non participara no consenso constitucional e que nunca tivera a oportunidade de formar parte do goberno da Xunta. Había, certamente, colaboracións previas entre as dúas forzas no goberno conxunto dalgúns concellos relevantes pero os resultados ofrecían luces e sombras a respecto do comportamento mutuo e dos resultados acadados.
 
A metodoloxía utilizada durante o mes de Xullo de 2015 non foi especialmente orixinal: primeiro elaborouse un programa de goberno conxunto -con algunhas inevitábeis formulacións xenéricas que deberían ser acotadas no propio desenvolvemento da xestión gobernamental- e despois acordouse un reparto de responsabilidades executivas nas diferentes consellarías. O pouco tempo dispoñíbel -algo mais dun mes dende a celebración dos comicios- non permitiu acometer unha remodelación substancial do organigrama establecido durante os mandatos de Manuel Fraga.
 
Tal e como demostrou a traxectoria posterior, o acordo constitutivo do goberno era unha condición necesaria pero non conxuraba definitivamente o risco dunha dinámica de competición destrutiva entre as partes. A existencia de organismos e protocolos pensados para neutralizar ese perigo -derivado da tentación hexemonista do socio maioritario e da prevención defensiva do minoritario para non ser fagocitado- conseguiron diminuír a gravidade dos conflitos pero non foron quen de eliminalos completamente (co conseguinte custe electoral pagado nas eleccións do ano 2009).
 
En todo caso, pódese afirmar que no acordo entre PSdG e BNG de hai 14 anos, a casa non se comezou polo tellado: primeiro foi a concordancia programática e logo veu todo o demais. Un exemplo que deberían imitar Sánchez e Iglesias.
 

Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito | Fonte: cecubo Group
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.