O exconselleiro Agustín Hernández presidirá o Consello Económico e Social

O responsable dos populares de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apuntou que agora corresponde ao grupo municipal de Santiago e do PP provincial coruñés elixir ao novo portavoz en Compostela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O exconselleiro e exalcalde compostelán Agustín Hernández será proposto para presidir o Consello Económico e Social (CES), posto que deixou vacante Corina Porro, a quen o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, encomendoulle a delegacion da Xunta en Vigo pouco tempo despois de porse á fronte da xestora da agrupación local do PP na cidade olívica.

Distintas fontes consultadas por Europa Press confirmaron que a proposta, que avanzou a Cadea SER, realizarase en breve e Hernández, quen saíu do Goberno de Feijóo no seu día para asumir a Alcaldía compostelá nun convulso mandato --antecedéronlle no cargo os tamén populares Gerardo Conde Roa e Ángel Currás--, tomará as rendas do organismo autonómico.

Hernández, ao que se consideraba un dos 'homes fortes' do Executivo de Feijóo, dirixiu a Alcaldía de Santiago case un ano, desde xullo de 2014 ata as municipais do ano seguinte, cando perdeu o bastón de mando municipal. Tampouco o conseguiu recuperar nas eleccións locais deste ano, cando concorreu de novo como cabeza de cartel do PP.

Agora porase á fronte do CES e haberá que mover banco no partido na capital galega. En rolda de prensa, o portavoz do PP na Cámara galega, destacou a "capacidade de traballo excepcional" de Hernández e que coñece "moi ben a realidade económica e social de Galicia".

"Sobre Agustín Hernández non teño máis que boas palabras", sinalou Puy, quen se remitiu a que debe ser o Goberno galego o que formalice a proposta e apelou a esperar aos procedementos internos no PP local para determinar quen substitúe a Hernández. Precisamente, este enviou unha convocatoria e prevé ofrecer en Raxoi unha rolda de prensa na próxima xornada sobre asuntos de carácter local.

Na Xunta, o responsable dos populares de Pontevedra e vicepresidente, Alfonso Rueda, apuntou que agora corresponde ao grupo municipal de Santiago e do PP provincial coruñés elixir ao novo portavoz en Compostela, sen avanzar ningún nome. Así mesmo, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou a valía e "experiencia enorme" de Hernández para estar á fronte do CES.

"COLOCAR A AMIGOS QUE PERDEN ELECCIÓNS"

Fronte á visión de Puy, toda a oposición puxo o foco en que se trata dunha decisión "partidista". Así,o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero lamentou que Feijóo "use" o CES para "colocar a amigos que perden eleccións".

"Primeiro colocou a Corina, que perdeu en Vigo; agora coloca a Agustín Hernández, que acaba de recibir unha nova derrota electoral en Santiago de Compostela, non ten o perfil técnico e profesional adecuado, e non pasou o duelo necesario tras a súa etapa política e das derrotas en Santiago. Feijóo usa á Xunta cos fins partidistas que interesan ao PP", constatou.

Pola súa banda, Manuel Lago, portavoz do ata agora Grupo Parlamentario de En Marea, que en breve cambiará de nome, tamén incidiu en que o perfil "non se corresponde" co que require o cargo.

"É unha mostra máis do uso partidista do PP para ir colocando ás persoas do seu partido para que teñan un emprego, un salario e status de poder. Paréceme inaceptable, non se poden usar institucións tan respectables para colocar a dirixentes do PP que non saben que facer. A Xunta e o seu presidente teñen a obrigación de respectar as institucións deste país", advertiu.

"IMPORTANTE REMUNERACIÓN"

Tamén Ana Pontón (BNG) incidiu no "uso partidista" do CES, que "o único que fai é danar a súa credibilidade". "O único mérito de Hernández foi perder as pasadas eleccións e o PP está a buscar solucionar un problema interno á conta de colocar algunhas persoas en institucións".

"Á fronte do CES deberíanse pór persoas cun perfil máis social e non tan orgánico. Está claro que Feijóo premia a Hernández pola súa fidelidade ao PP póndoo nun cargo que ten unha remuneración importante, máis de 71.000 euros ao ano, pero non está a pensar que é o mellor para o CES nin unha persoa de consenso".

Pontón remarcou que o PP "confunde ao CES cunha especie de cemiterio de elefantes ao que van candidatos a alcaldes que non acaban conseguindo os seus obxectivos" e lamentou unha forma de actuar que, ao seu modo de ver, consolida "un uso partidista" das institucións que "degrada a democracia" e pon en evidencia a necesidade "dunha rexeneración democrática" en Galicia.

Pola súa banda, desde o Grupo Mixto, o deputado Luís Villares constatou, en declaracións a Europa Press, que este é un caso de "porta giratoria" e rexeitou tamén o "uso partidista das institucións públicas ao servizo do PP". "Non hai nada de respecto ao CES, as institucións do autogoberno de Galicia ven socavadas polo desprestixio de que se usan para colocar a membros do PP fracasados electoralmente", lamentou.

O portavoz do PP no Concello de Santiago, Agustín Hernández. EUROPA PRESS - Arquivo
O portavoz do PP no Concello de Santiago, Agustín Hernández. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sabela

Home, esto é o típico exemplo da reciclaxe pepeira, pór nun bo postiño ó político que denunciaba a suciedade do río Sar botando lixo ó río Sar, consulten a hemeroteca... Qué nivel! Agora que poñan ó Oubiña como presidente dalgún chiringuito antidroga... PPdGhalisia