Por E.P. | Vigo | 02/09/2019 | Actualizada ás 19:30
As matriculacións de turismos e todoterreos esborralláronse en agosto en Galicia un 32,3% en agosto en comparación co mesmo mes do ano anterior, unha baixada lixeiramente superior ao ritmo de retroceso do mercado español (-30,8%),segundo datos das asociacións de fabricantes (Anfac), concesionarios (Faconauto) e vendedores (Ganvam).
Agosto do ano pasado, que contou cun día laborable máis, tamén foi o último mes antes da entrada en vigor (o 1 de setembro) do novo ciclo de homologación WLTP, o que motivou que marcas e concesionarios fixesen descontos para dar saída aos seus vehículos en 'stock'. En Galicia, dáse a circunstancia de que este descenso se produce no arranque do plan renove de Xunta e concesionarios para o impulso da compra de coches.
Así, en agosto houbo 3.162 matriculacións, un terzo menos que un ano antes. No acumulado do que vai de ano son 26.515, o que se traduce nun recorte do 17,6% en comparación ao vendido entre xaneiro e agosto de 2018.
Por provincias, en Galicia a maior caída protagonízaa Lugo (-39,4%), seguida da Coruña (-34,2%). A que mellor resiste en agosto este ciclo decrecente é Ourense (-19,3%), mentres en Pontevedra a cifra negativa é do 31%.
DATOS ESTATAIS
As matriculacións de turismos e todoterreos en España durante o mes de agosto situáronse en 74.490 unidades, o que se traduce nun esborralle do 30,8% en comparación co mesmo mes do exercicio precedente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.