Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2019 | Actualizada ás 13:59
O portavoz do Grupo Mixto e líder de En Marea, Luís Villares, asegurou, tras coñecerse oficialmente a nova denominación e estrutura organizativa do Grupo Común da Esquerda (no que permanecen os deputados de Podemos, EU e Anova), que sería "mellor" que este "se chamase directamente Podemos para non confundir á xente".
Non en balde, mostrouse convencido de que é Podemos "quen manda de forma férrea" no grupo e aproveitou a intervención posterior á Xunta de Portavoces para chamar aos "compañeiros de Anova" a "unha reflexión" sobre "o camiño" polo que transitan da man de EU e Podemos.
E é que, segundo Villares, os actuais compañeiros de grupo de Anova "xa demostraron non crer" no proxecto ideado polo histórico Xosé Manuel Beiras, que identificou como unha En Marea como espazo de encontro "do nacionalismo con partidos de ámbito estatal pero que respectasen o carácter plurinacional do Estado".
Con todo, contrapuxo que na pasada lexislatura estatal o que se puido ver foi un grupo "que se chamaba confederal" pero era "absolutamente centralista" e que "anulou" a En Marea como espazo político "con capacidade de incidir" cunha axenda galega no Congreso dos deputados.
"Anova sufriu nas súas carnes a situación cando foron expulsados da posibilidade de participar nunha coalición con Podemos nas últimas xerais", remarcou Villares, quen insistiu en que esta formación segue "en mal camiño con eses socios", pero "alá eles".
"PODEMOS APROVEITOUSE DOS RÉDITOS ELECTORAIS DE BEIRAS"
Por parte do espazo de En Marea, asegurou que continuará traballando coas mesmas liñas e garantiu que "as portas están abertas e as pontes tendidas para o diálogo", co desexo de que Anova sexa capaz de ver "o cambio do escenario político que hai en Galicia e no Estado".
Así, insistiu en que Podemos aproveitouse de "réditos electorais" que lles achegaba Beiras. "Usárono en beneficio propio desprezando o proxecto común de nación galega da que falaba o histórico mestre", lamentou, antes de desexarlles "sorte".
En todo caso, apelou á Asemblea Nacional que teñen en breve para manifestar o seu desexo de que analicen o contexto actual e poidan constatar --recalcou-- que Podemos "anulou o carácter galego e mestizo" da confluencia nos termos nos que foi concibida por Beiras.
"Hai 15 días escoitamos, primeiro a Pablo Echenique e despois a Yolanda Díaz, dicir que a confluencia galega non tiña nada que falar co PSOE de cara as negociacións para articular un Goberno de progreso; iso non é confluencia, é submisión a Podemos, un partido fortemente centralizado", lamentou.
Finalmente, insistiu en que o actual proxecto "nada ten que ver" coa "idea" de Beiras que animou a "moitos", como a el mesmo, a dar un paso adiante e entrar en política. "Deséxolles sorte, pero sobre todo aos compañeiros de Anova augúrolles un futuro bastante discreto", resolveu.
Posteriormente, o portavoz do Grupo Mixto, Manuel Lago, rexeitou valorar as declaracións de Villares e lembrou que xa non pertence ao grupo, antes de ironizar que non sabe se os portavoces do resto de grupos da Cámara tamén terán "algo de dicir respecto diso" da denominación e nova estrutura da que se dotaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.