Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2024 | Actualizada ás 19:30
O grupo parlamentario do BNG pediu á Xunta elaborar un Plan Estratéxico de Recuperación dás rías galegas co foco posto no sector marisqueiro, mentres que o Goberno galego defendeu as actuacións levadas a cabo por Augas de Galicia neste ámbito, destacando que "o 80% das masas de auga que son de competencia autonómica están en bo estado". Así, a moción presentada este martes pola deputada nacionalista Rosana Pérez durante o pleno do Parlamento non saíu adiante ao contar cos votos en contra do grupo de Goberno.
Entre as peticións dos nacionalistas estaban, entre outras, levar a cabo unha análise "multidisciplinar e integral" que determine as causas da "deterioración ambiental" e da diminución de produtividade das rías galegas, en colaboración co sector do mar, cos centros de investigación propios e co sistema universitario de Galicia.
Con ese estudo como punto de partida, solicitaban desenvolver e executar un Plan Estratéxico de Recuperación dás rías galegas que, ademais dos fondos propios, conseguise a colaboración económica da UE e do Estado para o seu financiamento e que, polo menos, contemple o control "estrito" de verteduras aos ríos e ao medio mariño, o progresivo saneamento das rías e a elaboración dun protocolo de desaugadoiro e limpeza de encoros.
Pedían tamén a recuperación e posta en explotación dos bancos marisqueiros que actualmente experimentasen un descenso da produtividade, "dirixida ao incremento das capturas, do emprego e da obtención duns ingresos dignos para manter a actividade", así como o control na introdución de especies mariñas foráneas e un plan de control e eliminación das xa detectadas, e un "estrito" control sanitario do peixe e marisco importado.
Así mesmo, animaban a incrementar, de face a 2025 e en diante, todas aquelas partidas orzamentarias destinadas a completar o saneamento dos ríos e rías galegas, axilizando tanto as actuacións de construción e/ou refirma de infraestruturas como as referir# a a inspección e control das verteduras.
Os nacionalistas instaban tamén a efectuar un seguimento "constante e exhaustivo" do cumprimento das autorizacións ambientais por parte das industrias e a "actuar rigorosamente" no exercicio da potestade sancionadora cando cumpra e establecer as medidas cautelares que contempla a normativa vixente para "evitar que as actuacións irregulares ou ilegais se produzan".
"ACABÁRONSE AS ESCUSAS" PARA O PSDEG
O deputado socialista Julio Abalde mostrou o apoio do seu grupo á iniciativa nacionalista e incidiu na necesaria colaboración entre consellerías da Xunta de Galicia, concretamente entre a de Medio Ambiente e a de Medio Rural. A este respecto, sinalou que, agora que se coñece que a Xunta se fará coas competencias na xestión do litoral, "acabáronse as escusas" e o "botar balóns fóra".
Abalde tamén puxo o foco na contaminación doméstica das augas, que non se soluciona co saneamento porque presenta tamén "unha importante deficiencia". Por todo iso, instou á Xunta a asegurar a pervivencia dun sector, o do marisqueo, non só "fundamental" a nivel económico, senón tamén a nivel social. E mentres non sexa así, pediu un programa de seguros.
PPDEG REIVINDICA O "BO ESTADO" DAS AUGAS
Pola súa banda, os populares reivindicaron as actuacións neste ámbito, lideradas por Augas de Galicia. Neste sentido, o portavoz popular subliñou que "o 80% das masas de auga que son de competencia autonómica están en bo estado, un dato que contrasta co 56% no que se sitúa a media estatal".
"Este resultado é posible grazas a que Augas de Galicia realiza un importante esforzo investidor en infraestruturas e un traballo de inspección e vixilancia a través dos mecanismos que ostenta e das súas competencias", explicou.
O deputado popular referiuse ao Programa de control de verteduras, "a través do que Augas de Galicia realiza un control moi estrito das verteduras que se producen, especialmente nas rías galegas".
Lembrou que este plan se dota anualmente con dous millóns de euros e que ao longo de 2023 realizou case 10.000 visitas e inspeccións a puntos de vertedura, atendendo 635 alertas. Este plan, continuou, permitiu reducir 36 puntos de verteduras identificadas como contaminantes e emendar 650 puntos de vertedura contaminante nas rías galegas.
Neste contexto, destacou que Augas de Galicia contará en 2025 cun orzamento próximo aos 144 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,7% para "continuar nesta mellora das augas das rías e ríos galegos".
"Será un investimento millonario en saneamento e abastecemento distribuído en tres grandes eixos: a construción de infraestruturas, a execución de políticas activas de resposta ante o cambio climático e a formación e divulgación para concienciar sobre unha xestión eficaz da auga desde os fogares ata o xestor profesional", explicou.
Por último, o popular fixo un chamamento ao resto de administracións públicas para que "colaboren e fagan as súas achegas para a mellora das rías galegas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.