Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2024 | Actualizada ás 16:45
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reivindicou a importancia que ten para Galicia o novo regulamento europeo 'BridgeforEU', que elimina "atrancos" de carácter administrativo e legal para veciños de concellos da fronteira con Portugal.
A dirixente nacionalista celebra a aprobación da normativa "despois de seis anos de parálises". "Grazas ao traballo do BNG", engade Miranda nun comunicado no que estima que este regulamento "vai beneficiar a máis de 15.000 persoas galegas" que viven na raia e que cada día a cruzan por diferentes motivos.
A eurodeputada do Bloque foi unha das relatoras do novo regulamento que inclúe reclamacións defendidas desde os distintos concellos limítrofes, así como no Parlamento galego. Non en balde, asegura que se conseguiu "grazas a ter un escano" na Eurocámara.
"Imos traballar agora para que o posto de cooperación transfronteiriza para eliminar estes atrancos estea situado en Galicia e non vaia para outras partes limítrofes do Estado", avanza, xa que ao seu xuízo Galicia ten que ser "a cabeza na loita" para eliminar os problemas concretos que vive a cidadanía da fronteira. Ana Miranda, quen o pasado venres participou nunha conferencia organizada polo BNG en Tui, subliñou que Galicia conta con "experiencias moi valiosas" de cooperación transfronteiriza e mencionou a Eurociudad Tomiño-Cerveira, que "pode ser exportable".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.