Por Ángela Precedo | VIGO | 14/12/2024 | Actualizada ás 21:55
Agasallar unha xoia sempre é algo bonito, pero máis aínda se esa peza é única e exclusiva, practicamente elixida por e para a persoa que a vai levar posta. E non estamos a falar de deseños de Gucci, Prada ou Versacce, senón duns moito máis especiais: os realizados polos artesáns da Fundación Igual Arte, un espazo onde as persoas con diversidade funcional poden dar renda solta á súa creatividade. Despois dun duro traballo ao longo de todo o ano, sacaron adiante unha completa colección de accesorios que xa se atopa á venda no Corte Inglés de Vigo, cun feixe de pezas elaboradas totalmente a man e cuxos deseños tamén parten da imaxinación dos membros da fundación. Dende o Galicia Confidencial falamos con Cristina, a presidenta deste espazo, e con Helena, a súa directora, para coñecer máis de preto como traballan.
Os deseños destas xoias son elaborados nun dos múltiples obradoiros cos que conta a fundación, Diseñatas, que son os que plasman sobre o papel como vai ser a peza. Despois, e grazas ás ensinanzas de Ramón, un mestre orfebre que tamén é licenciado en Belas Artes, lévase ás tres dimensións. "Déronse conta de que sobre o papel os membros dese obradoiro de deseño facían creacións moi chulas para ser materializadas nunha xoia, e así comezaron", explica Cristina. Unha vez o deseño está bosquexado, pasa ás mans de seis artesáns, seis persoas con diversidade funcional que se encargan de darlle a forma, tendo cada un deles tarefas ben definidas dentro do proceso creativo. Lidia, Alberto, Gustavo, Iván, Adriana e Helena son os nomes que están detrás dos pendentes, broches, colares e aneis que integran esta colección. Traballan as pezas sobre latón, un material asequible e que é bastante sinxelo de moldear, e logo dánlles un acabado chapado en ouro ou en prata.
"CANDO VES UN CADRO NON PENSAS NO COCIENTE INTELECTIVO DA PERSOA QUE O FIXO, POLO QUE A ARTE É UNHA BOA FORMA DE ROMPER BARREIRAS SOCIAIS"
O obxectivo destas creacións é que gusten á xente, sen importar se as persoas que están detrás delas teñen diversidade funcional ou non, porque, como afirma a presidenta de Igual Arte, "a arte é un vehículo marabilloso que favorece a comunicación, de todas as maneiras posibles, porque con ela tanto podes comunicar por medio dun debuxo como dunha figura acrobática, dunha coreografía, dunha canción ou dunha xoia, coma neste caso". E, ademais, "para as personas nas que a palabra non está tan organizada, a linguaxe non verbal é algo marabilloso, 'chic' e que favorece á persoa a todos os niveis, algo que todos deberiamos empregar máis, porque semella que hoxe en día o único que ten peso é a palabra". Así, cada unha destas pezas é única. "Non hai dúas iguais, por máis que se trate dunha colección, porque non hai detrás un proceso de produción industrial, todo está feito a man por cada un destes rapaces e rapazas", asegura a presidenta.
Para ela, "a arte é algo totalmente subxectivo, e pode haber creacións que a min me gusten e a outra persoa non, pero o importante é que che emocionen", de maneira que "ti cando ves un cadro ou outra forma de expresión artística non te detés a pensar que cociente intelectivo ten a persoa que o fixo, só en que che gusta ou non", polo que "a arte é unha boa forma de ir rompendo barreiras sociais, e niso estamos". E é que, como nos confesa Helena, tanto ela como os seus cinco compañeiros de obradoiro, poñen moito cariño en cada creación, algo que non sempre resulta sinxelo, porque "ás veces o material é máis complicado de traballar para unhas pezas que para outras, depende da forma final". E mesmo chegan a pasar traballando tardes enteiras para crear unha única xoia. Con todo, para Helena isto non é un traballo, porque "gústame moito a xoiaría e cada día aprendo algo". Así, aínda que ela está tamén metida no grupo de danza e no de pintura, asegura sentir unha atracción especial pola xoiaría, polo que non descarta nun futuro poder entrar a formar parte desta profesión.
"O OBXECTIVO DA FUNDACIÓN É FACER ENTENDER Á XENTE QUE AS PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL TAMÉN TEÑEN DEREITO A GOZAR DA ARTE"
Como nos conta Cristina, a Fundación Igual Arte é "un espazo que naceu fai 24 anos co obxectivo de facer entender ao resto da sociedade que as persoas con diversidade funcional tamén tiñan dereito a gozar dun dereito tan universal e marabilloso como é a arte". Aínda lembra aqueles tempos nos que só traballaban con cinco nenos e como foron crecendo. "A partir de aí foise creando un espazo artístico que durante as tardes ofrecía todo tipo de actividades extraescolares a nenos e nenas que ían tanto a colexios de educación especial como a colexios de educación ordinaria, e logo tamén a adultos: danza, plástica, música...", expón. E así ata hoxe, xa que, na opinión da súa presidenta, "a arte ten unha cualidade marabillosa, que é a comunicación, a expresión". Partindo desa base, decidiron ir un paso máis aló e crear un espazo artístico no que persoas adultas puidesen aprender diferentes oficios artísticos. Os comezos non foron doados: "Ao comezo pensamos en crear unha escola, pero a nivel burocrático era moi complicado por tema de titulacións, polo que finalmente acollímonos á modalidade de centros ocupacionais".
Así, dentro dos diferentes centros ocupacionais que xa existían por aquel entón en Galicia, "Igual Arte foi o primeiro centro ocupacional artístico dentro da comunidade galega e, practicamente, a nivel estatal". Na actualidade, "son moitos os homes e mulleres, de diversas idades, que veñen a diario formarse no ámbito artístico: en danza, acrobacia, música, teatro, xoiaría, deseño, clown...". Son eles mesmos os que deciden, dacordo coas súas motivacións e capacidades, a formación artística que desexan desenvolver. Máis aló diso, a presidenta tamén comenta que "contamos tamén cunha formación máis integral". O obxectivo final é "buscar a profesionalización na arte" e "coido que o logramos", porque "eles fan xa os seus propios bolos, venden as súas creacións e gañan cartos con iso". Aínda que tamén concede que, como en calquera outra agrupación artística, "non todos os tempos son doados, hai épocas boísimas e hai outras que non son tan boas, porque a arte é o que ten, que nunca se sabe". Por se isto fose pouco, os membros de Igual Arte tamén aproveitan dende fai dous anos a súa bagaxe artística para traballar como auxiliares de monitores de tempo libre en colexios de toda Galicia, onde imparten obradoiros aos máis pequenos sobre diferentes modalidades artísticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.