Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2019 | Actualizada ás 09:55
O Parlamento galego arrinca un novo curso político que se augura intenso, dada a proximidade das eleccións autonómicas de 2020, coa estrea do socialista Gonzalo Caballero na sesión de control ao presidente, Alberto Núñez Feijóo. Farao preguntando ao xefe do Executivo autonómico por cales son os seus plans de acción para o ano que resta de lexislatura.
Aínda que a estrea de Caballero será unha das novidades que espertará máis expectación para o pleno que albergará o Pazo do Hórreo este martes e este mércores, o dos Peares tamén recuperará un vello adversario, con quen xa mantiña duelos dialécticos na etapa de AGE: Antón Sánchez, que exercerá de voz de Grupo Común da Esquerda.
Luís Villares fora o portavoz de En Marea desde o principio da lexislatura ata que se escindiu xunto aos seus deputados afíns, pasando ao Grupo Mixto. No Grupo de En Marea, recentemente rebautizado como Grupo Común da Esquerda, o parlamentario Manuel Lago (quen agora é o seu portavoz institucional) encargouse brevemente antes do parón estival.
Con todo, tras cambiar de nome e de estrutura, Lago concretou que sería Sánchez (de Anova) o que pasaría a ocupar o papel de "azoute" ao presidente da Xunta. Sánchez preguntará, así, sobre a dificultade de acceso á vivenda en Galicia e as políticas da Xunta neste ámbito. Pola súa banda, Ana Pontón (BNG) tamén enfocará a pregunta no que respecta á xestión do Executivo autonómico no último ano do mandato.
COMPARECENCIAS
O pleno contará tamén coas comparecencias do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, sobre o Plan Estraéxico do Xacobeo; e da conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, en relación á situación actual do sistema de acceso á Illa de Ons. O obxectivo, segundo explicou este luns o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, será "clarificar certas confusións" xeradas nas últimas semanas.
Así, explicou que calquera restrición de acceso ten que ver co Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional, e non coa declaración como Patrimonio da Humanidade conxunta que está a impulsar a Xunta, e que os populares defenden. Os populares impulsarán, ademais, entre outras cuestións, unha iniciativa en defensa da central térmica das Pontes e dos seus traballadores.
O pleno producirase no marco dunha polémica ao redor das novas normas de uso das salas institucionais da Cámara, que inclúen o veto a quen leve pezas ou outros elementos que menoscaben o decoro do Parlamento. A Mesa aprobounas só cos votos a favor dos membros do PPdeG, que son maioría, mentres que a oposición manifestou o seu rexeitamento en bloque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.