Científicos detectan incrementos inesperados de carbono orgánico disolto no océano Atlántico

O estudo fo realizado por científicos do CSIC, Instituto Español de Oceanografía e Universidade de Miami, no que participaron investigadores dos centros do IEO en Vigo e A Coruña.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/09/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Científicos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), en colaboración coa Universidade de Miami e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), estudaron os cambios na reserva de carbono orgánico disolto (DOC nas súas siglas en inglés) das augas profundas do océano Atlántico, informa o CSIC.

Instrumental para a toma de mostras, que permite rexistrar a que profundidade se toma cada mostra.
Instrumental para a toma de mostras, que permite rexistrar a que profundidade se toma cada mostra. | Fonte: CSIC.

Os resultados mostran unha produción de carbono orgánico en certas zonas. Concretamente no Atlántico sur, onde hai un aumento de 27 millóns de toneladas de carbono orgánico ao ano, segundo o traballo, mentres que o Atlántico norte actúa como un sumidoiro, eliminando uns 298 millóns de toneladas de carbono. Este balance converte o Atlántico profundo nun sumidoiro neto de carbono orgánico disolto.

“É moi relevante descubrir que hai zonas do océano profundo onde tamén se produce carbono orgánico disolto. Todo este carbono que se engade nas profundidades oceánicas é carbono que non pasa á atmosfera en forma de CO2 a curto prazo e que, en principio, non contribúe para o efecto invernadoiro”, explica Cristina Romera-Castillo, líder da investigación, que iniciou o traballo na Universidade de Miami (Estados Unidos) e seguiuno no Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, en Barcelona. O traballo contou coa participación de científicos do Instituto de Investigacións Mariñas, en Vigo, e do Instituto Español de Oceanografía na Coruña.

Os detalles da investigación, financiada pola National Science Foundation, polo Ministerio de Economía e Empresa co programa Juan de la Cierva, e polo proxecto FLUXES, publicáronse na revista Global Biogeochemical Cycles.

CONSECUENCIAS

Parte do CO2 atmosférico é absorbido polos océanos e acaba en forma de carbono orgánico disolto  recalcitrante, “secuestrado” no material orgánico durante miles de anos. Esta reserva oceánica de carbono intervén na regulación do clima do planeta, xa que pode actuar como fonte ou sumidoiro de carbono. Por exemplo, se todo o DOC actualmente disolto nos océanos se  oxidase a CO2, duplicaríase a cantidade de CO2 na atmosfera.

Para pescudar os cambios na reserva de carbono orgánico ao longo dos anos, os científicos mediron os parámetros físico-químicos das grandes masas de auga que forman o océano.

Estas masas de auga fórmanse na superficie do océano e afúndense a distintas profundidades, en función da súa densidade. Desde que se forman, trasládanse miles de quilómetros por todo o océano e circulan durante décadas, mesturándose moi lentamente entre elas. Cada unha delas ten unha temperatura e salinidade características, o que permite a súa identificación. Isto é o que permitiu pescudar o aumento ou diminución do carbono orgánico disolto en cada masa, ao longo dos anos. No traballo analizáronse datos das cinco masas de auga principais do Atlántico profundo, tres de orixe antártica e dúas de orixe  noratlántico.

Os datos proviñan dunha extensa base de campañas oceanográficas realizadas entre 2010 e 2013, con parámetros como temperatura, salinidade, carbono orgánico disolto, sales nutrientes e idade. A través dunha complexa análise destes parámetros, determinaron as distintas masas de auga existentes na zona de estudo e a proporción de cada unha delas en cada mostra.

Ata o de agora sabíase que o carbono orgánico disolto presente en cada unha destas masas diminúe paulatinamente ao ser consumido polos microorganismos mariños. Os aumentos deste carbono nalgunhas masas de auga do Atlántico profundo supoñen un novo factor a ter en conta nos modelos bioxeoquímicos. “É probable que este carbono veña de material que sedimenta desde a superficie e vaise solubilizando”, afirman os investigadores.

Xosé Antón Álvarez Salgado, profesor do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas, explica: “Que se produzan adicións ou eliminacións de DOC no océano profundo depende da profundidade á que se atopa a masa de auga e do tempo que fai que esta se formou en superficie”. As masas de auga analizadas formáronse entre 30 e 70 anos atrás.

Os investigadores conclúen que “os futuros cambios que afecten á composición das masas de auga e á circulación oceánica, como os que poderían deberse ao cambio climático, tamén afectarán á distribución actual de carbono e á reserva de DOC oceánico”.

O equipo estima que do total de DOC producido na superficie do Atlántico, o 40% é consumido nas profundidades desta conca oceánica. “No Atlántico Norte, o 66% do DOC consumido ten lugar na auga profunda  noratlántica. Mentres que, no Atlántico Sur, a principal fonte de DOC é a auga intermedia antártica cunha produción do 45%”, sinala Marta Álvarez,  ceintífica do Instituto Español de Oceanografía da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta