Por Galicia Confidencial | A Coruña | 25/09/2019 | Actualizada ás 17:41
1919-1920. Dese curso escolar é o primeiro manual de historia da literatura galega que o catedrático Santiago de la Iglesia escribiu para o seu alumnado do Instituto de Pontevedra.
"Trátase dun traballo insospeitable naquel tempo e naquel autor”, destaca o académico Xesús Alonso Montero que foi quen o deu a coñecer e quen leva anos estudando o rico fondo da familia de la Iglesia que se conservan nos fondos da Real Academia Galega. Baixo o título de "Alfredo de la Iglesia. O intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de Literatura Galega para escolares de Instituto (1919)" presensentase o novo volume da colección Letras da Academia, que ofrece en edición semi-facsimilar o manuscrito.
Alfredo de la Iglesia exerceu como catedrático de lingua e literatura castelá no Instituto de Pontevedra entre 1918 e 1931, ano no que se xubilou ao facer os setenta anos de idade. Aínda que o seu Resumen de Historia de la Literatura Gallega non chegou a imprimirse, significa un “capítulo realmente extraordinario” do galeguismo literario, xa que o empregou nas súas aulas para desenvolver unha "experiencia totalmente inédita na historia do ensino galego", nuns tempos nos que a literatura galega estaba fóra da oficialidade do ensino medio, subliña Xesús Alonso Montero.
O seu alumnado coñeceu así a historia das nosas letras mesmo antes de que Filgueira Valverde impartise, no ano 1933, o primeiro curso de Literatura Galega explicado na universidade, na Facultade de Letras de Santiago de Compostela. Xunto á copia facsimilar do manuscrito do Resumen de Historia de la Literatura Galega, o libro sobre o maxisterio de Alfredo de la Iglesia reproduce tamén programas das leccións e uns apuntamentos de 1926 de dous alumnos, Elvira e Manuel G. Salgado, “unha mostra de que o profesor, como todo profesor non mecanicista, ía, ano a ano, refacendo ou retocando partes do discurso”.
Xesús Alonso Montero falará este xoves do libro na Casa das Campás de Pontevedra. Estará acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director de área de dinamización cultural, educativa e integración da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho Barral; e Carlos López Font, deputado da Deputación de Pontevedra, institución con cuxo apoio se publica o que é o cuarto volume da colección Letras da Academia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.