Para min a utilidade do Valle de los Caídos, como ruína útil, é incontestable, pero necesita vestirse do que é: o gran símbolo do noso gran fracaso colectivo. Ademais, unha vez repropositado, desde a ruína e como símbolo da ruína, deixaría de ser o escondedoiro da esquerda cando esta cae nas mans de xente de poucos escrúpulos e menos ideas que, acolloándose ante os problemas reais do país, toman prestado catro ósos dunha momia para facer campaña electoral e pretender que están facendo algo.
No lio este dos ósos de Franco –que tan ocupado ten tido xa a varios goberno do Estado, ata a última hora, coma se dese esqueleto ou momia dependese todo o futuro da nosa sociedade– hai opinións para todo. Hai xente –aínda moita– que os queren alí xunto onde están. Non sei se para irlle rezar tal reliquias milagreiras, se por engadirlle énfase ao gran testemuña do disparate do trinta e seis (razón valida), ou, simplemente, porque cargan no corazón tanto odio coma os fanáticos que ansían utilizalos como escusa para danar o país. Hai xente que os queren sacar de alí cunha présa demencial, urxencias de vida e morte, coma se diso dependese a existencia mesma da paz social e maila prosperidade de toda a sociedade. E despois estamos os que nos trae sen coidado que os deixen ou que os saquen.
Somos os mesmo que sabemos que, si, Franco morreu. Parafraseando a Perez-Reverte, os fillos de puta que arruinan o país non son os que están nos cemiterios. E certo que tardou en irse, pero foise. Por máis que lles amole aos que viven dese conto, que non son poucos nin moito máis útiles cós ósos, Franco vai no carallo! E por que o sei con tanta certeza? Pois moi fácil, porque ten menos incidencia real sobre a vida dun cidadán cós importunos excrementos dun can nunha beirarrúa calquera: feden, molestan, incomodan; e os que o permiten, coa súa actitude de desprezo aos demais, dan aínda máis noxo cá mesma merdas dos seus cans. Non obstante, ninguén na Moncloa se desespera por despachar unha brigada limpamerdas; cousa que algúns veríamos con bos ollos. Eu sei que a algúns pódelles parecer unha necidade a suxestión de que a Moncloa lles daría máis servizo á cidadanía se se dedicase a limpar a merda dos cans das beirarrúas cá remexer con tanta dilixencia e obsesión nos ósos de Franco. Cadaquén ten as súas prioridades. E niso das prioridades gobernamentais, cada día está máis claro: os que estean no paro, que deixen de estorbar e emigren dunha puta vez; os que non teñen vivenda, que a okupen; e o día que xa nin poidamos camiñar polas rúas por medo a ser acoitelados, pois pecharse nas casas. O Goberno do Estado está para cousas maiores, grandes logros coma carrexar un saco de ósos dun lado para outro. Gran triunfo de todo unha lexislatura. Xa podemos enfrontar as eleccións con garantías.
Que os ósos de Franco non pertencen no Valle de los Caídos, está claro. Como está claro que o ético e moral é sacalos de alí o antes posible. Pero o antes posible significa suxeitos a dereito, coa máxima discreción e co máis absoluto respecto á familia. España, polo de agora, aínda é un Estado de Dereito e creo que civilizado. Se ter os ósos de Franco no Valle de los Caídos da noxo, sacalos. Sacalos, si, pero sen esquecerse que a presenza dos ósos de Franco no Valle de los Caídos non son unha ameaza ao Estado de Dereito, non son responsables das mafias dos okupas, non son causantes da emigración da nosa xuventude. E todos eses problemas han seguir alí, e sen respostas, para o outro día das euforias do gran espectáculo. A ameaza son –parafraseando de novo a Perez-Reverte– os fillos de puta vivos e dando ao rabo que instrumentalizan un puñado de ósos para manipular a fanáticos que –agora a Ortega y Gasset–, elixindo unha das mil maneiras de ser imbécil, son os únicos que se entregan ás verdades inamovibles. Toda esta algarabía dos ósos de Franco sempre se debeu ter levado a cabo na máxima discreción e prudencia, sen partidismo, sen buscar catro votos envelenados, falando con respecto e seriedade coa familia, e co máximo consenso parlamentario. Ou sexa, auto respecto.
Franco xa só está vivo nos corazóns máis resentidos: os vencidos –terrible enfermidade de difícil cura–. E para eses corazóns vencidos, enfermos, a única maneira de, por fin, matalo necesita da destrucción do Estado, un suicidio colectivo. Estado que eles, na súa enfermidade, perciben como herdanza de Franco, coma se o Estado non existise antes do disparate do trinta e seis ou fose un simple puñado de ferrados de terra e xa non os cidadáns que o constituímos. Tan pobres son os pobres que xa soamente ven o fondo das súas propias miserias, beben da fonte do seu propio odio e soñan cunha ave fénix dúas veces milagreira que lles restaure algo que nunca existiu. Sinto tristura dos vencidos, da carga que cada día teñen que soportar –non confundir estes coas víctimas da terrible guerra, que eses somos todos– Mais leven para onde leven os ósos de Franco, os vencidos, coas súas miserias autoinducidas, han seguir cos ósos de Franco ao lombo polo resto dos seus días.
A capacidade das herdanzas de Franco –esqueleto e todo– de facernos dano, é inexistente. A capacidade dos vencidos de levarnos a perdición colectiva, é notable. O inimigo foi, é, e sempre ha ser o odio que emana dos fecundos dos corazóns vencidos, dos fermentos do resentimento. Todo o demais é historia, política, discusión filosófica, ou simple conversación de taberna.
Aos que nos trae sen coidado como ou onde se dispoña dos ósos de Franco, non somos indiferentes ao despropósito de telos no Valle de los Caídos; iso evidentemente reclama unha solución. Mais, para estes caso, as solucións deben ser firmes e contundentes, pero sobre todo suxeita a dereito, afastadas das algarabías e guiadas polo máximo respecto ás familias, e, sobre todo, auto respecto: erguendo a discreción a un valor irrenunciable. Non obstante, que nos falen de urxencia ou dunha gran proeza –unha cesta de ósos, urxencia… Nun país cun vinte por cento da xuventude no paro, a urxencia, o gran logro dunha lexislatura, é unha cesta de ósos…– é ofensivo, é ruín, é propio de impostores que o único que procuran é contentar ás bases máis belixerantes ao estilo máis puro do Donald Trump. Agachar a incapacidade de darlles resposta aos problemas reais como son o paro, os okupas, os narcopisos, os top manta, exhumando irrelevancias é propio de políticos de moi pouca calidade. Ou sexa, é oportunismo falso e ruín. Deixemos de comportarnos como vencidos, deixemos de respirar o veleno dos resentidos. Prudencia, respecto, discreción. En España hai feixes de problemas, os ósos de Franco non han resolver ningún deles.