Por Xoán Vázquez | New Yersey | 03/11/2019
E para os que aínda non temos renunciado ao exercicio de pensar, a esas pseudosentenzas con escaravellarlle un nadiña na envoltura axiña nos amosan o seu rostro verdadeiro: a súa falsidade, a súa perversa xénese. Son todo un “cara al sol” do século 21. Difícil atopar unha forma tan sucinta e clarificante de definir o fascismo na súa manifestación máis corrupta e destructiva. Esconderse a plena vista. Agachar na democracia as intencións de impoñer, apisoar, dictar. Erradicar. E de agradecer este valioso agasallo, por didáctico. Seica abonda con ter os votos para xustificar calquera atrocidade, para marxinar a calquera grupo, para erradicar ou mesmo exterminar as “impurezas”.
Se aceptamos ese postulado simplón e o incorporamos a outras formacións políticas –VOX, por pór un exemplo–, a conclusión ineludible é que é perfectamente lexítimo disolver as autonomías, se hai os votos; impoñer o castelán en todo o Estado como única lingua, se hai os votos; prohibir os partidos políticos separatistas e nacionalista, se hai os votos. En fin, remítome a iso de “La democracia está por encima de la ley”. Herdeiro e substituto perfecto daquelo de “Por la Gracia de Dios”, e os fascistas son os outros. Hai que “joderse”.
Para un demócrata, a democracia é un sistema de valores rodados no tempo e destinados a perdurar no tempo, con instrumentos para elixir aos lexisladores cuxo mandato pode incluír cambiar aspectos da lei partindo da lei e sempre dentro dos marcos da lei. Nada, no mundo dun demócrata, está por encima da lei. E mais, un demócrata de convicción endexamais aceptaría tal aberración. Esa comida lixo para mentes debiles de “La democracia está por encima de la ley” persigue fins moi alleos aos principios e valores da democracia.
É incalculable a cantidade de destrucción e mortes que pode agachar esa tan “inocente” sentenza. Poñamos uns exemplos, dos máis benignos, do seu brillante potencial: Supoñamos que en Galicia ou Valencia, por iniciativa cidadán e sen gastar un euro público, se organiza un referéndum sobre o uso das linguas oficiais e o cincuenta e un por cento (unha maioría) votan a favor de prohibir o galego (Galicia) o valenciano-catalán (Valencia), estamos ante un matados democrático que debe ser implementado de contado, ou é isto fascismo puro e duro na súa versión máis corrupta represiva e insidiosa? Para un demócrata, a pregunta é tan innecesaria como ridícula e ofensiva. E pois claro que non hai democracia cando os dereitos –e mailo espazo para exercelos– das minorías non son idénticos aos da maioría. Da Cataluña do “procés” á democracia hai moito que camiñar; menos ca desde Venezuela ou desde Bolivia –ámbolos dous, lugares onde se ten consolidado iso de “La democracia está por encima de la ley” –, pero un bo bocado. E esa falta de democracia en Cataluña é un fracaso do Estado. Un Estado incapaz de velar pola democracia; ou sexa, polos dereitos e liberdades dos cidadáns. Estado que mesmo alimentou ao neofascismo catalán.
Debera ser incontrovertible que os grandes líderes sono polas súas cualidades, pero tamén polo sentido de compromiso: Estado, Partido, Eu. Esta orde de compromiso, nun líder de talla, é absolutamente inalterable e a súa ausencia inescusable. Sendo “eu” a palabra menos importante que hai no vocabulario dun líder, desviarse desta orde de compromiso invalida aos máis capaces e meritorios de poder aspirar á condición de ser grandes líderes. Non vexo grandes líderes nas vindeiras eleccións; non vexo a ninguén capaz de pór na correcta perspectiva a barbarie de “La democracia está por encima de la ley”. Non vexo a ninguén capaz de frear, polos métodos que for necesario, a gangrena que corroe aos valores democráticos da nosa sociedade. Á democracia haina que defender ata as últimas consecuencias, sen ambaxes nin complexos.
Para antepor os intereses do Estado aos do Partido é necesario ter un gran sentido de patriotismo, integridade e solidariedade. E para antepor os do Partido aos de un mesmo, hai que ter un gran sentido da responsabilidade.