Non hai dúbida que foi un gran logro do PPdeG o saberlle cortar o paso ás outras agrupacións de centro-dereita, facendo que o electorado as percibise como siglas pouco serias, inconsecuentes, ou aínda non representativas dos seus principios e valores. O argumento, silente e efectivo, foi e é que estes novos intentos son simples ocorrencias sen nada novo e diferente que ofrecer. Desafortunadamente, non van desacertados. Mais ese logro -incontestable- só beneficia ao PPdeG, que xa non a Galicia, á súa mellor gobernanza e á súa calidade democrática. Non obstante, entendese que cadaquén lle arrime a ascua a súa sardiña. Calquera outro partido no seu lugar, de ter podido, tivese exercido a mesma hexemonía sobre os seus eidos electorais. Logo, fozar aí desde a oposición non ha ser de moito proveito; porque o único que lle estaríamos dicindo á cidadanía é que o PPdeG é un partido hábil e ben organizado. E iso non desvirtúa a ninguén.
Con todo, algunhas das siglas de afinidade centro-dereita, e aínda da extrema dereita, xa comezan a calar na conciencia do electorado. Nunca é todo para ben. A tendencia ao multipartidismo transversal en Galicia, malia resistirse, parece que vai collendo algo de xeito; e iso, de seu, xa é moi positivo. E moi positivo porque a transversalidade é sinal de pragmatismo e o pragmatismo é o antídoto contra o fanatismo: máis importante ca quen goberne é que goberne a coalescencia da razón pragmática e intelixencia práctica. No pragmatismo intelixente todo é transversalidade. O peor que nos pode acontecer é un goberno entregado ao dogmatismo. E onde é que poden encontrar as novas voces o seu caladoiro electoral? O abstencionismo. O abstencionismo é unha oportunidade. O abstencionismo existe alí onde non se comunga con nada do ofertado. E de certa lóxica suxerir que quen se abstén está á agarda de algo diferente. Os partidos sen representación no parlamento galego poden traballar o electorado cuxa desafección co establishment os levou a quedar na casa, escoitándoos e presentándolles alternativas á abstención. Convencéndoos de que o simple feito de involucrarse pode marcar diferenzas; ou sexa, facer que sintan a utilidade do seu voto, a forza e importancia do seu voto. Que saiban que a súa voz fala máis alto cando se expresa nas tranquilidades do silencio útil das urnas. Rachar coa apatía que os levo á crenza de que tódolos partidos e políticos son iguais: Ladróns, corruptos, vividores; ou sexa, mafias organizadas. E tamén, convencelos -partindo da verdade- que ollar as alternativas non lles esixe renunciar aos seus principios e valores, porque o voto só se presta, nunca se da. O voto teu sempre ha ser teu. Pola súa condición de transversal, é necesario que o voto galeguista de centro-dereita atope a súa propia voz e se desamarre do PPdeG e mais do abstencionismo.
O abstencionismo e mailo voto incómodo non son un problema, son o síntoma máis visible dun problema de credibilidade, que é do que se alimenta o abstencionismo e maila desafección. No abstencionismo perdemos todos. Na desafección morremos todos. Nunha sociedade onde as voces políticas son alleas á transversalidade, a maioría social nunca ha ser representada. Mesmo, pódeselle chamar democracia a aquilo onde a maioría social non está representada?