Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2019 | Actualizada ás 21:20
David Bruzos, deputado por En Marea durante a breve lexislatura de comezos de 2016, substituirá a Ledicia Piñeiro como número un da coalición En Común (integrada por Podemos Galicia e Esquerda Unida) pola provincia de Ourense nas eleccións ao Congreso dos Deputados.
Segundo confirmaron fontes da coalición, trátase do principal cambio nas listas electorais de En Común de cara ás xerais do próximo 10 de novembro, nas que Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino repetirán como cabezas de lista por Pontevedra e A Coruña, respectivamente.
Deste xeito, Bruzos retorna á política activa nove meses despois das polémicas primarias á dirección de En Marea nas que encabezou a lista do sector crítico con Luís Villares, finalmente derrotada.
Así, este profesor de secundaria ocupa a cota atribuída a Podemos na repartición establecida no acordo de coalición.
Mentres que a formación morada terá os números un da Coruña (Gómez-Reino) e Ourense (David Bruzos), ao outro socio da coalición, Esquerda Unida, correspóndenlle o primeiro posto por Pontevedra (Yolanda Díaz) e Lugo, no que, previsiblemete, repetirá Vanesa Somoza.
Ademais, fontes consultadas apuntan que as listas poderían sufrir outras variacións en postos máis baixos debido, entre outras cuestións, á saída dos representantes de Equo, que apostaron por romper a súa alianza en Galicia con Podemos e EU e decantarse polo proxecto de Íñigo Errejón, Más País.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.