Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/10/2019 | Actualizada ás 15:12
Os ecos do pacto entre Compromiso por Galicia e o BNG para as eleccións do 10N chegaron tamén a San Caetano, sede do Goberno galego. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou este xoves a súa sorpresa por un pacto que dixo que non será beneficioso para o Bloque se nel hai xente vinculada con Vox.
"Se se xunta cun partido que se pasou a Vox pois o BNG empezará a perder vostos do sentido común nacionalista", destacou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ao ser preguntado por se este acordo lle pode quitar votos "galeguistas" ao PPdeG. Referiase así a división interna de Compromiso por Galicia, iniciada na súa asemblea xeral do pasado 28 de setembro, onde se aprobou unha “dereitización” da formación --ao eliminar termos como o de socialdemocracia-- e que estoupou logo do acordo co BNG o pasado luns, tras a integración de CxG nas listas do Bloque para as xerais.
Unha crise que levou por diante ao ex secretario xeral e un dos fundadores de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, ou a ex alcaldesa de Muros, con críticas a presenza na nova Executiva desta formación de José Luis Calo, que primeiro militou en Ciudadanos en Ames e no 2016 presentouse pola ultradereitista Vox na provincia da Coruña. “ Non leva unha tatuaxe de Franco no brazo e non foi un activo dirixente de Vox... Obviamente se estivera berrando 'Una España grande y libre' pois non estaría na Executiva de Compromiso”, ironizou o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro, tras preguntarlle GC sobre este dirixente.
"ARREPAÑAR VOTOS"
"Eu non me quero meter nese asunto porque cada un fai as coalicións que pode. E, neste caso é a dun partido que está a desaparecer –en relación a CxG-- e a de outro que pensa que pode arrepañar un conxunto de votos –o BNG--”, dixo Feijóo en relación a este pacto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.