Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 14/10/2019 | Actualizada ás 19:41
Unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 3 da Coruña ratifica que o exalcalde de Trazo, José Dafonte (PP), actuou de forma irregular ao rexeitar sen pasar polo pleno un recurso presentado polo PSOE aos orzamentos municipais de 2018.
A sentenza estima o recurso contencioso administrativo presentado polos socialistas fronte á resolución do rexedor sobre a inadmisión da reclamación que formularon fronte á aprobación inicial do orzamento municipal para o pasado exercicio.
"Sexa como for, errou o alcalde ao resolver a reclamación, pois non lle correspondía a el tomar esa decisión, senón ao órgano plenario (...) Por tanto, tense que estimar na súa integridade o recurso, o que supón que se anule a resolución do alcalde, así como a presunta desestimatoria, con orde de que o órgano plenario resolva a reclamación nos termos que procedan", argumenta o auto.
En coherencia, o fallo anula a resolución, á vez que ordena ao órgano plenario que resolva a reclamación formulada nos termos que procedan.
Na actualidade o bastón de mando na localidade teno a popular Josefina Suárez.
"PAPELETA COMPLICADA DO PP"
"Cando o señor Dafonte presentou os orzamentos, os socialistas levamos diferentes alegacións que foron rexeitadas; posteriormente, como non estabamos de acordo coas contas, presentamos un recurso ao proxecto", explicou Beatriz Domínguez, portavoz dos socialistas de Trazo.
"A lei é moi clara e reflicte que un recurso deste tipo debe levar a pleno, pero o señor Dafonte decidiu actuar unha vez máis á marxe da legalidade e desestimou o recurso de forma persoal, sen pasar polo pleno", engade.
Ademais de censurar esta forma de actuar "soberbia e prepotente", os socialistas advirten que agora o PP "ten unha papeleta complicada", tendo en conta que "debe acatar a sentenza", pero os orzamentos xa están executados.
"Independentemente das consecuencias que poida ter todo isto, o sucedido demostra unha forma de facer política da que a xente está moi cansa, a xustiza deunos a razón e tócalle ao PP cumprir", retou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.