Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2024 | Actualizada ás 19:41
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 14 anos de prisión a un home que abusou sexualmente durante seis anos dunha menor, neta da que era a súa parella, desde que contaba con 8 anos ata preto dos 15. Segundo consta nos feitos probados da sentenza, a menor foi a vivir co seu irmán pequeno e os seus pais a casa da súa avoa, na que tamén residía o agora condenado. En 2011, desde que a nena contaba con oito anos, aproveitándose da convivencia e de que quedaba ao seu cargo comezaron os abusos. Este individuo, "con ánimo de satisfacer as súas apetencias sexuais", dicíalle á menor "imos ver unha cousa", "imos ver un vídeo" ou, simplemente, "imos", á vez que, "para dobregar a súa vontade, collíaa do brazo e tiraba dela para levala á habitación" o home compartía coa avoa paterna.
"Unha vez alí colocaba o móbil nunha caixoneira situada no seu lado da cama reproducindo un vídeo de persoas practicando sexo, sentaba á menor na cama xunto a el, aínda que outras veces estaba botada, quitáballe a camiseta e tocáballe o peito e a boca, masturbándose ao tempo e índose ao baño antes de exacular, mecánica que reiteraba cada vez que cometía estes feitos, os cales tiñan lugar cada vez de forma máis continua, chegando a producirse unha vez á semana ou dúas como máximo", relata o fallo. Este comportamento foi a máis ata realizar tocamentos dos xenitais da menor, con acceso carnal, en múltiples ocasións.
Durante o tempo en que duraron os abusos, a nena non contou o que lle estaba pasando "porque tiña medo, sentíndose presionada e atemorizada porque el lle dicía que ninguén lle ía a crer, que a súa avoa lle quería máis a el que a ela e que todo era consentido". Por mor destes feitos a menor sufriu un dano psíquico polo que seguiu un tratamento psicolóxico. Por iso, a Sala condena a este home por un delito continuado de agresión sexual con acceso carnal mediante a introdución vaxinal de membros corporais, sendo a vítima menor de 16 anos, para o que o autor empregou a intimidación e aproveitouse dunha situación de prevalemento. Tamén se lle impón a prohibición de aproximarse á vítima a menos de 500 metros durante 16 anos. Cabe interpor recurso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.