Xulgan a dous excargos da Xunta por ocultar un informe contrario ao dragado da Ría de Ferrol

O entón xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, Carlos Muñoz, e o exsubdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández Díaz, falsificaron documentos para xustificar a omisión nun informe negativo á obra de dragado da Ría de Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2019 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide seis anos de cárcere e inhabilitación para dúas exaltos cargos da Consellería de Medio Ambiente en 2011, entón dirixida por Agustín Hernández, acusados de falsificar documentos para xustificar a omisión nun informe negativo á obra de dragado da Ría de Ferrol e para non incluílo na Declaración de Impacto Ambiental.

Os acusados son o entón xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, Carlos Muñoz, e o exsubdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández Díaz, e o xuízo celebrarase o 24 e 25 de outubro deste mes, na sección sexta da Audiencia Provincial, con sede en Santiago de Compostela.

Ambos os cargos foran citados en 2016 como investigados xunto co exdirector xeral de Conservación da Natureza da Xunta no ano 2011, Ricardo García-Borregón Millán, e o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Javier Turrillo Montiel. En concreto, foran citados por un suposto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, prevaricación e falsidade documental.

Adega presentara entón unha denuncia que foi admitida a trámite e que derivou nunha investigación a instancias da Fiscalía ambiental do Tribunal de Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polos traballos, valéndose dunha draga, sobre os fondos da ría ferrolá, actuacións que se prolongaron durante dous meses, entre outubro e novembro de 2011.

En concreto, indagábase se se autorizou o dragado da canle da ría de Ferrol co obxectivo de facilitar a entrada e saída de buques cara á planta de Reganosa cun informe realizado posteriormente para rebater outro previo que alertaba sobre os danos ambientais que provocaría esta intervención nunha área protexida.

Segundo o texto do proceso que se celebrará o 24 e 25 de outubro, ambos os funcionarios (Muñoz e Fernández Díaz) redactaron, asinaron e introduciron no expediente remitido á Fiscalía en dúas ocasións (2011 e 2013) un documento "inexistente no orixinal", e elaborado con posterioridade á obra. A denominada 'nota interior' estaba asinada por Fernández Díaz, mentres que Muñoz figuraba no recibín, co fin de "reforzar a aparencia de autenticidade".

Tamén introduciron no citado expediente, segundo a Fiscalía, unha dilixencia datada en 2010 para facer constar que a data do anterior documento non era a que alí figuraba e que se produciu unha incidencia.

Para dar credibilidade a este relato, simularon dous documentos (oficios administrativos), un deles denominado 'Aclaración relativa ao expediente Mellora dos calados na canle de entrada ao interior da Ría de Ferrol', no que se solicitaba a revisión do expediente do ano 2012.

Os funcionarios están acusados de falsificar documentos "co único obxectivo de xustificar ante a Fiscalía a non incorporación á Declaración de Impacto ambiental do informe, que debería emitir o órgano responsable da xestión de Rede Natura 2000". O obxectivo, segundo o fiscal, foi "ocultar a existencia dun informe negativo á obra e disimular ou xustificar así dita omisión no seu departamento".

RÍA DE FERROL
RÍA DE FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

En mans de quen temos o país? Xente que se vende por unhas migallas e unha palmadiña na espalda do Presidentiño, un elemento sen escrúpulos que pasará á historia coma un dos maiores destructores de Galiza.