Catro textos lexislativos a debate no último pleno do Parlamento antes do parón polas eleccións

A valedora presenta a memoria de 2018 e Carmen Pomar comparece nunha sesión que estará de novo marcada pola crise industrial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2019 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia debaterá catro textos lexislativos no pleno que acollerá o Pazo do Hórreo este martes e este mércores, a última sesión antes do parón motivado pola convocatoria de eleccións xerais para o próximo 10 de novembro.

Unha sesión plenaria cunha ampla orde do día composta por 36 puntos na que a crise industrial que atravesa Galicia volverá ter gran peso, pois son varias as iniciativas dos cinco grupos que están relacionadas co futuro de Alcoa ou As Pontes, entre outras.

O pleno arrincará coa elección de dous membros do Consello Social da USC, o que dará paso á exposición por parte da valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, do informe da institución relativo a 2018.

A continuación, iniciarase o debate de catro textos lexislativos: dous deles a proposta de grupos da oposición, un proxecto de lei do Goberno galego e unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola central nacionalista CIG que reclama o aproveitamento dos saltos hidroeléctricos.

O Executivo autonómico presentará ante a Cámara o proxecto de lei para a regulación do aproveitamento lúdico das augas termais, mentres que Común da Esquerda defenderá unha normativa para limitar a "praga" das casas de apostas. En Marea estréase cun texto lexislativo no que propoñen modificar o regulamento da Cámara para favorecer a inclusión das persoas con discapacidade.

Tamén comparecerá ante a Cámara a iniciativa do Goberno galego a conselleira de Educación, Carmen Pomar, para dar conta do inicio do curso académico 2019/20.

PREGUNTAS AO PRESIDENTE

Ademais, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volverá enfrontarse aos portavoces da oposición, que o cuestionarán sobre as alianzas do seu partido con Vox --Gonzalo Caballero (PSdeG)--, a "responsabilidade" do seu goberno na crise industrial --Antón Sánchez (Común dá Esquerda-- e a situación da sanidade pública --Ana Pontón (BNG)--.

Todo iso nunha sesión na que o PP traerá a debate a devolución "íntegra" do diñeiro que "debe" a Galicia o Goberno central, a quen pretenden esixir explicacións sobre o estatuto das electrointensivas ou a convocatoria de prazas MIR para o próximo ano. Tamén promoverán que a Cámara esixa ao novo goberno que se comprometa a que as peaxes da AP9 non suban.

PSDEG

Pola súa banda, os grupos da oposición aproveitarán de novo para cargar contra a política industrial da Xunta, que consideran "inexistente". Farao o PSdeG a través de iniciativas sobre Vulcano, Barreiras e As Pontes, unha central que a Xunta, segundo o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, quere "meter nunha vía morta" con "unha prolongación que non ten saída".

Relacionado co peche da central térmica das Pontes está outra das iniciativas que o primeiro grupo da oposición levará ao próximo pleno. Os socialistas queren debater sobre a política da Xunta en materia de crise climática, un asunto no que a xestión do Executivo autonómico "está moi atrasada en relación ao que necesita o país".

COMÚN DA ESQUERDA

Común da Esquerda, como expuxo o pasado martes o seu deputado Manuel Lago, quere facer de "voz da xente que se mobiliza neste país" neste pleno a través de iniciativas parlamentarias que nas últimas semanas xeraron resposta social.

Así, defenderán restricións ante a proliferación de casas de apostas e pedirán explicacións á Xunta pola "deslocalización" dos servizos de telemárketing ou as demandas ao Goberno central sobre o sistema de pensións.

Así mesmo, Común dá Esquerda tamén traerá á Cámara a situación dos traballadores das residencias públicas de maiores, que viven "un drama" laboral que afecta por extensión á atención que reciben os usuarios. Neste sentido, Lago afeou que se rexeitase a petición do seu grupo para que a conselleira de Política Social, Fabiola García, comparecese ante a Cámara.

BLOQUE

Por parte do Bloque, a situación da sanidade pública --"que lonxe de mellorar, empeora", como indicou a deputada Olalla Rodil-- será o asunto principal sobre o que pivotará a acción parlamentaria dos nacionalistas durante a sesión plenaria da próxima semana.

Ademais de centrar a pregunta ao presidente do seu portavoz, Ana Pontón, que aproveitará para esixir explicacións sobre a morte dun home en Dozón (Pontevedra) nunha emerxencia na que a ambulancia do 061 tardou 46 minutos en personarse no lugar, o Bloque presenta unha moción para demandar que o Goberno galego adquira Povisa e o centro vigués se declare de interese público.

EN MAREA

Por último, ademais da citada lei sobre discapacidade, En Marea instará o Goberno galego a aproveitar a crise industrial para adoptar medidas que favorezan a implantación en Galicia de centros de produción de enerxía "limpa".

Ademais, reclamará que se implanten os mapas de desenvolvemento sustentable para optar a axudas europeas á transición enerxética que aposten por "reconverter" as comarcas afectadas polo peche das plantas térmicas de Endesa --As Pontes e Cerceda-- en zonas centradas no desenvolvemento de novas tecnoloxías.

Hemiciclo do Parlamento de Galicia na votación de María Dores Fernández Galiño como nova valedora do Pobo.. PARLAMENTO - Arquivo
Hemiciclo do Parlamento de Galicia na votación de María Dores Fernández Galiño como nova valedora do Pobo.. PARLAMENTO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta