O día que deixamos de gostar da Coca Cola

Lembro un tempo no que a vella Europa estaba máis atenta ás novidades culturais, musicais e mesmo gastronómicas dos Estados Unidos que da súa propia identidade, historia ou valores.

Por Iván Vaqueiro | Compostela | 21/10/2019

Comparte esta noticia
Eran os tempos da potencia industrial e económica americana, pero tamén da vangarda musical dos 70-80 e principios dos 90, da estética, a moda ou o multiculturalismo que representaba o xigante americano. Tempos nos que como bós romanos modernos, estiveron a piques de anegar o mundo de Big Mac´s e Coca colas, en sentido metafórico, pero tamén case literal. Foi a época dourada do soño americano, aquela na que mozos subidos a Cadillacs anunciaban o moderno que era beber o refresco de cola. Sendo xustos, foi tamén unhas das épocas máis creativas da nosa historia. Unha historia que parecía ter chegado á súa fin, segundo aquel investigador, Frances Fukuyama que propoñía que tra-la caída do muro de Berlín, rematara a historia do ser humán tal e como a coñecéramos, ao derrubarse a última alternativa ao sistema capitalista e a democracia liberal. Certamente, supuxo a fin da gran batalla de ideoloxías do século XX, pero pronto seriamos testigos de que a historia está lonxe de rematar. Cecáis porque como dicía Homero, o home abúrrese antes de comer, beber, bailar ou amar que de batallar.
 
O novo século traería novas ameazas globais, tecnolóxicas, relixiosas, raciáis, víricas, climáticas, pero sobor de todo xeopolíticas. O auxe de China, a reconstrucción do poder ruso, a perenne inestabilidade de Oriente Medio e África plantexaron un novo escenario no que vellas pantasmas están a rexurdir. 
 
Unha delas, a pantasma do populismo como suplantador do sistema de poderes e contrapoderes clásico das democracias entendidas como poliarquías, seguindo a terminoloxía de Robert Dahl, parece terse extendido de xeito notable en varios países do mundo, entre os que se contan países como os EEUU, Gran Bretaña, Brasil, Hungría, .... Feito pouco menos que sorprendente se temos en conta que fai uns anos, a chegada ao poder de personalidades como os Trump, Bolsonaro, Boris Johnson, Orban, Salvini.... serían considerados pouco menos que anomalías democráticas, “outsiders” froito de alteracións puntuais dentro da ordenada e aburrida lóxica da democracia.
 
O meu vello meste, Don Xosé Vilas Nogueira díxo unha vez nas aulas da facultade de Ciencias Políticas, que a democracia, para que funcione, debe ser aburrida. As paixóns e a democracia, xa que logo, parece que non se dan ben. 
 
Pero neste tempo de video-política, como tan ben a definiu Giovanni Sartori, a razón e os argumentos están a desaparecer de xeito tan apresurado como ferramenta política como medran as fake news, mentras se proclama a fin da verdade e os cidadáns, agora convertidos en “homo videns”, parecen estar cada vez máis dispostos a mercar as “verdades” construidas dende o poder, sempre que sexan promulgadas pola rede social de moda. Os modernos políticos mudaron o discurso das razóns polo sentimento. Unha especie de “reggaeton político” onde o que importa é avivar as paixóns dos seguidores, coma se dun partido de fútbol se tratase. Todo un fenómeno político de insospeitadas consecuencias, mentres o nivel da clase política vai decrecendo a base de liortas entre alfas e o diálogo habermasiano desaparece. Non é sorprendente que a sociedade siga ese mesmo camiño. 
 
Pero esta vez, a moda non se orixinou no “terceiro mundo” ou na Vella Europa, nin na milenaria China, no que por outra parte, non precisan o populismo para manter un ferreo culto ao liderado que levan milleiros de anos practicando, como ben sabía Mao. Non, desta volta, a moda ven dos EEUU. O “America First” non é alleo ao sentir dos estadounidenses.
Lembremos a famosa doctrina “Monroe”, o escepticismo histórico de moitos presidentes americanos sobre Europa e o resto do mundo. Pero agora, este sentimento adquiriu tintes máis profundos, cimentados sobre o supremacismo dos blancos americanos sobre o resto do mundo, como ben claro deixa o presidente Trump cando carga contra as deputadas americanas distintas racialmente (o denominado SQUAD, entre as que se atopa a estrella mediática e política Alexandra Occasio Cortez) ás que convida a “marcharse ao seu país”. Velahí un novo factor: a racialización da política.
 
Estamos condenados a sufrir as modas americanas. Tamén a era Obama o foi. Un inmenso xogo de imaxe onde os community managers e deseñadores fixeron o seu agosto para convencernos de que o primeiro presidente negro da historia americana era algo máis que un feito racial. Pouco conseguiron, a pesares da certa ilusión que xenerou. Siria será parte do seu legado (e a perdición de Hillary Clinton). Aquela América disposta a impulsar a democracia e os valores da liberdade que algún tempo pareceu existir, comeza a ser un problema para o resto do mundo. 
 
Dende fai algún tempo ao resto do mundo, pero especialmente a Europa, dende a chegada de Donald Trump, comeza a non gostar da Coca Cola. Saída do Pacto de París polo clima, abandondo do acordo nuclear en Irán, guerra comercial con China, apoio ao Brexit inglés, arancéis e desplantes a Europa... “Estados Unidos non placet”, que diría o vello Erasmo. Calqueira podería dicir que a vida dun presidente americano dura o que dura o seu mandato, e tradicionalmente é así. Logo de 8 anos dun presidente republicano, soe vir un contrapeso demócrata. Como se dun péndulo se tratase. E así parecería, se non pensase que algo está a acontecer nas actuais democracias, onde a expansión deste auxe dos hiperliderados en contraposición co tradicional parlamentarismo (mesmo en sistemas presidencialistas existiu sempre un certo equilibrio entre o executivo e o lexislativo) parece estar en auxe, e o mundo preparándose para un novo enfrentamento global. As perspectivas non son halagüeñas. 
Xusto cando o mundo parece precisar un liderado conxunto para facer fronte aos titánicos desafíos que se nos plantexan, especialemente o desmedido aumento demográfico e o cambio climático, a historia parece comezar novamente a rodar no sentido inverso, amosando unha vez más o erro dun mal entendido positivismo científico, que sempre estará orfo sen o criterio ético do ser humán. Europa, herdeira desa tradición democrática, parece darse conta que o modelo de convivencia que representa a Unión Europea, que tanto custou construir, comeza a resquebraxarse e as vellas pantasmas da xenofobia, o fascismo e os nacionalismos comezan a rexurdir. ¿Será quen de manter un liderado ético e político global neste panorama?
Se no século pasado, certos presidentes parecían manter acesa a luz da estatua da liberdade como un facho de esperanza global, agora o goberno americano parece empeñado en utilizar ese facho para prender os lumes que ameazan as conquistas sociais e ambientais globáis sempre que sexa en beneficio do “America First”. O que era un aliado, agora parece instigar precisamente a demolición dunha realidade que non sendo a ideal, era cando menos, formalmente, equilibrada. 
 
Algo no engranaxe americano non funciona ben para que deixemos de gostar da Coca Cola. E as alternativas que a porta da historia parece abrir fronte as sociedades actuais son cando menos, apocalipticas.

Coca-Cola vs Pepsi.
Coca-Cola vs Pepsi.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro