Importante correctivo da Xustiza á Xunta: paraliza cautelarmente as obras do megaparque eólico no Oribio

Entidades ecoloxistas pediran xa a paralización das obras pola seu grave impacto á fauna e flora dunha paisaxe protexida. A Xunta abrira en xuño un expediente sancionador e paralizara cautelarmente unhas obras. Sanción que levantou semanas depois tras presentar a empresa informes de varias consellerías en tempo récord.

Por Galicia Confidencial | Samos | 21/10/2019 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou suspender provisionalmente o acordo do Consello da Xunta do pasado 27 de xuño, así como as súas disposicións normativas, nas que se daba vía libre á continuación das obras do megaparque eólico na Serra do Oribio, entre os concellos de Samos e Triacastela.

Serra do Oribio
Serra do Oribio | Fonte: turismo.gal

Tivo que ser novamente a Xustiza a que evitara o que distintos colectivos ambientalistas e algúns concellos da montaña lucense cualificaran xa como novo atentado ao medio ambiente de Galicia. Unha decisión xudicial que deixa moi tocado ao director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Tahoces, imputado ademais por outro polémico caso, o das minas de San Fins, en Lousame.

Nunha resolución á que tivo acceso Galicia Confidencial, o alto tribunal galego entende que, mentres que non se actualice a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto xa que data de 2005, e mentres non se xustifique a prevalencia do uso “pretendido pola Xunta ao aprobar o proxecto industrial”, as obras deben de ser paralizadas.

IRREGULARIDADES

O proxecto para construír un parque eólico na serra do Oribio foi autorizado en 2007, cun DIA de 2005. Pero, con posterioridade a esa data cambiou a protección medioamential e patrimonial da zona. Así, a área do mega parque é unha Zona Especial de Conservación da ZEC Ancares-Courel e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).

Protesta contra as obras do Parque Eólico do Oribio
Protesta contra as obras do Parque Eólico do Oribio | Fonte: ADEGA

Ademais, como parte da Rede Natura non está permitida a construción de parques eólicos, máis aló da repotenciación dos existentes e, ademais, está chantada en parte da área potencial do Plan de Recuperación do Oso Pardo cantábrico. Ademais, está situado nas proximidades do Camiño Francés, cunha importante afectación á paisaxe, e poría en perigo un antigo camiño real que coroa a serra.

Ante estes inconvenientes e as denuncias dos grupos ecoloxistas, e os requerimentos da Xunta, a empresa presentou despois unha "modificación non substancial" para pasar de doce a oito aeroxeradores. Para iso contou con informe de viabilidade de Medio Ambiente desde setembro do pasado ano. Para que se puidese emitir este informe foron, ademais, precisos tamén estudos favorables de Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural e Urbanismo. Uns permisos que chegaron en tempo récord tras a paralización cautelar das obras por parte da propia Xunta.

DENUNCIAS

A decisión xudicial chega logo de varias denuncias de entidades ecoloxistas, entre elas, Adega, a Sociedade Galega de Ornitoloxía, Petón do Lobo ou a Fundación Oso Pardo. Tal era o impacto sobre a serra que mesmo se creou entre varias entidades, asociacións e partidos a Plataforma Salvemos O Iribio.

Os ecoloxistas denuncian que ata en dúas ocasións a Dirección Xeral rexentada por Ángel Bernardo Tahoces paralizou as obras do Serra do Oribio por iniciarse sen as respectivas licenzas e permisos tanto por parte da Xunta como dos concellos. Pero esa paralización cautelar foi levantada no mes de xullo tras cambios “non substanciais” do proxecto.

Unha decisión que chegou tras incorporar varios informes de consellerías da Xunta en tempo récord. Os ecoloxistas desta plataforma consultados por Galicia Confidencial denuncian que isto foi así para eximir á empresa eólica de ter que someter este proxecto a unha nova declaración de impacto ambiental”. “Unha celeridade e irregularidades das obras que se deben a que a empresa ten ata o próximo 12 de decembro para iniciar a construción do parque”, din.

ORDENAR A "PARALIZACIÓN" DAS OBRAS

De feito, tras coñecer o auto, a plataforma informou de que remitiu unha petición á Consellería de Economía e aos concellos afectados para que en menos de 24 horas fagan executar o auto e ordenen "a paralización inmediata das obras". De non facelo, avisa, "poderían estar a incorrer en delito penal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta