Homenaxe a Pepe Velo

O profesor Américo Rodríguez é o autor dunha colaboración publicada no Boletim Cultural de Melgaço titulado “Refugiados e guerrilheiros antifranquistas em Castro Laboreiro (1936-1943)”, na que debulla migalleiramente as vicisitudes de moitos galegos que fuxiron do terror do fascismo no ano 1936.

Por Xosé Glez. | Redondela | 28/10/2019

Comparte esta noticia
O Ribeiro, Alagoa, Portos, Eiras ou na Seara, branda do Bico, foron algunhas das aldeas e lugares de Castro Laboreiro foron escenarios escollidos para residiren temporalmente mentres non procuraban unha saida cara o  exilio.
 
Por Crecente,  nunha batela, pasou a Melgaço tamén Pepe Velo, despois de estar  choído  durante moitos meses nun agocho en Moreiras, Celanova. As vicisitudes que tivo que pasar ata chegar ao Peço, onde atopou o amparo dun amigo no hotel Vila de Ranhada, son recreadas por Antón Piñeiro nun relato de próxima publicación co título “As augas do mañá” no que conta esas peripecias ata chegar a Lisboa.
 
Na capital portuguesa foi detido pola PIDE, e safouse de ser entregue ás autoridades franquistas grazas á intervención do novelista venezolano Rómulo Gallegos, amigo seu, que por aquel entón era presidente do pais. Por esa mediación o Consulado venezolano en Lisboa expedíulle un Pasaporte de Emerxencia (núm. 67/48) “de acordo coas isntrucións recibidas do Ministerio de Relacións Exteriores de Venezuela”. Así foi como Pepe Velo puido chegar ao porto da Guayra semanas despois, onde vivíu deica  xaneiro de 1961.
 
Na capital venezolana Pepe Velo  dedicouse ao ensino e desempeñou cargos relevantes na colectividade galega, ao tempo que desenvoveu unha frenética actividade política que coroou coa creación do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación”), que o 21 de xaneiro de 1961 protagonizou a gran xesta heróica do secuestro do buque “Santa María” da  “Compañía Colonial de Navegación” portugues. El foi o que deseñou a estratexia e dirixíu o secuestro, como recoñece a prensa internacional daqueles días.
 
Cómpre dicir que Pepe Velo  fora militante das Mocidades Galeguistas en  Celanova.Pero a súa radicalización  política levouno a colaborar con instancias próximas ao Partido Comunista, concretamente na coordinación da  guerrilla no sur de Galicia. Por mor deste compromiso foi deito,  torturado e confinado no cácere de A Coruña. Aproveitando unha liberdade condicional, foxe e refúxiase, como dixemos, en Moreiras..
 
Pepe Velo era un coñecido da miña casa familiar. Nas sobremesas falábase del.Meu pai construíulle o mobilario para a academia que tivo, primeiro no barrio das Travesas e logo na rúa Carral, de Vigo.Pero amais diso, entregáballe periodicamente a súa avinza para a loita clandestina.
 
Pasados os anos, cando me iniciei na militancia nacionalista, o exemplo de Pepe Velo tíveno sempre presente. Preguntáballes aos vellos galeguistas e comunistas sobre el, e non atopei  máis ca visceralidade nas súas respostas. Para eles Pepe Velo era un tolo e un terrorista. En desacordo con tales despropósitos escribínlle ao seu curmán e amigo meu, Carlos Velo, o noso gran cineasta que vivía no exilio mexicano, que me facilitase información sobre el. A resposta foi inmediata (16 de decembro de 1985): “Amigo Pepe:Eí che mando algúns papeis do gran Pepe Velo e o teléfono do seu fillo, Victor Velo, que vive en Sao Paulo.Chámao da miña parte”. Dito e feito.Ao pouco Víctor envioume unha morea de documentos inéditos do seu pai. Con eles publicamos un suplemento de catro páxinas no Faro de Vigo, reconstruíndo o vizoso perfil dun revolucionario galego que foi capaz de poñer en solfa ás ditaduras española e portuguesa durante os días que durou o secuestro do Santa María. 
 
Pepe Velo porfíaba no ideal dunha Iberia unida. A súa vida dedicáraa a soñar maneiras novidosas e decisivas para a consecución dos seus obxectivos, que non puido ver realizados porque morreu no exilio en 1972 aos 54 anos.
 
Agora chegoulle o tempo dos recoñecementos. Xa hai dous anos colocamos unha placa conmemorativa na fachada do edificio onde vivira en Vigo. O día 6 de decembro, en Melgaço, descubrirase un monolito dedicado a súa memoria. En xaneiro, no parque das  trigueirizas de Celanova, colocaremos o seu busto en bronce. Dúas homenaxes promovidas pola Fundación L.Peña Novo e  a Asociación de Amigos do Couto Mixto coas colaboracións dos concellos de Celanova e  Melgaço , e tamén da  Secretaría Xeral de Política Lingüística.
 

Pepe Velo nunha xuntanza de republicanos
Pepe Velo nunha xuntanza de republicanos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.