Xunta e patróns do Taxi traballan nunha "competencia equilibrada e xusta" cos VTC

A Asociación Provincial de Autopatronos nega que se favoreza unha "guerra de prezos".

Por E.P. | VIGO | 28/10/2019 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a Asociación de Autopatronos do Taxi da provincia de Pontevedra mantiveron este luns unha reunión para avanzar na implantación de medidas que garantan a "competencia harmónica, equilibrada e xusta" cos denominados vehículos VTC.

Así o trasladou, antes do encontro e en declaracións aos medios, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen lembrou que a lei de acompañamento aos orzamentos (Lei de Medidas Fiscais e Administrativas) inclúe a flexibilización de tarifas dos taxis a petición do propio sector e que a medida de fixar tarifas preestablecidas para determinados servizos persegue que haxa unha "competencia máis xusta" cos VTC.

A conselleira sinalou que a regulación deste tipo de vehículos con chofer é competencia estatal, pero a Xunta está "a avanzar" en medidas para evitar prácticas desleais. A ese respecto, lembrou que xa hai 336 vehículos en Galicia cun distintivo que os caracteriza como VTC, o que facilita as inspeccións.

Ethel Vázquez tamén avanzou que a Xunta prevé "reforzar" as inspeccións deste tipo de vehículos en novembro, a través dunha asistencia técnica.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Provincial de Autopatronos, Manuel Chorén, sinalou que esta flexibilización permitirá tarifas fixas para servizos precontratados en determinadas circunstancias, como viaxes recorrentes, servizos para empresas e determinados colectivos, etc.

"NON VAI HABER GUERRA DE PREZOS"

"Non vai haber unha guerra de prezos. Somos autónomos, non parvos, non imos tirar pedras sobre o noso propio tellado", sinalou, e apuntou que os taxistas xa están a empezar a aplicar esas tarifas, pactadas previamente, para clientes como traballadores de PSA, do Sergas ou de Renfe, que realizan as mesmas viaxes con certa frecuencia.

Chorén sinalou que esta medida beneficiará os clientes, que coñecerán o que van pagar de forma previa e reflectido "nun contrato", e sempre cun tope "máximo".

O portavoz dos taxistas explicou que, no caso de Vigo, os vehículos VTC conviven desde hai tempo co taxi, e "a competencia é bastante leal". Non ocorre o mesmo na Coruña, precisou, onde si hai unha implantación de empresas como Uber e Cabify, que realmente afecta o sector.

Reunión da conselleira Ethel Vázquez e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, con representantes do sector do taxi.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Reunión da conselleira Ethel Vázquez e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, con representantes do sector do taxi.. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta