Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2019 | Actualizada ás 15:43
O servizo do polígono industrial da Sionlla, de Santiago de Compostela, estará "ao 100 por cen da súa capacidade" entre finais de 2019 e 2020, segundo anunciou o alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, este mércores.
Este foi un dos asuntos nos que colabora o Concello coa Xunta de Galicia e que foron tratados durante esta xornada entre o primeiro edil santiagués e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha reunión para abordar as liñas de colaboración entre ambas as administracións.
O chan industrial da cidade conforma "un gran parque empresarial" con máis de 30 empresas e "outra ducia preparadas" para instalarse, precisou Bugallo. "Xera demandas e necesidades vinculadas ao 'hub' da tecnoloxía e da madeira" das que, tanto o Concello como a Consellería, queren ser "participes activos", engadiu.
Neste sentido, o consistorio e o Instituto Galego de Vivenda e Solo reservaron espazos da súa titularidade para "mellorar os servizos básicos" que xa están "en marcha". Agora, a "principal preocupación" é "pór a disposición ese chan industrial e simplificar os procesos administrativos para "o 'hub' tecnolóxico", sinalou Vázquez.
DEPURADORA E ASUNTOS TRATADOS
Respecto doutros temas relacionados coa cidade, Bugallo anunciou que o día 5 de novembro está prevista unha reunión en Madrid para que nove empresas presenten os seus proxectos técnicos de construción da depuradora santiaguesa, que o alcalde espera axilizar a través dunha "tramitación simplificada" para poder beneficiarse dos fondos europeos que finalizan en 2022.
Ademais, na mesma reunión Ángeles Vázquez foi preguntada sobre a investigación que se abriu respecto da antiga canteira de Casalonga, que se atopa próxima a Santiago e que pretende utilizarse para almacenar residuos.
Explicou que "traballarán de man da xustiza" e cando a Fiscalía solicite a información ambiental pertinente "colaborarán". A día de hoxe non é unha das súas competencias, senón que está en mans de Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.