A estratexia galega de loxística prevé mobilizar máis de vinte millóns para o sector ata 2022

A estratexia, que desenvolverá o Igape, inclúe unha plataforma dixital de co-carga a través da cal as compañías recibirán as mellores ofertas para contratar servizos loxísticos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/11/2019 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A estratexia galega de loxística destinará 11 millóns de euros a través de medidas como a posta en marcha de catro centros de apoio ao transporte por estrada e o funcionamento dunha xanela única para trámites aduaneiros nos portos galegos. En total, a Xunta prevé mobilizar máis de 20 millóns ata o ano 2022.

A iniciativa, que presentou este xoves na reunión do Consello a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten como obxectivo impulsar ás empresas galegas de distribución e subministración e a un sector que representa, segundo as súas cifras, o 4% do PIB galego e case 50.000 empregos. En canto aos centros de apoio ao transporte por estrada, un en cada provincia, prestarán servizos 24 horas e a Xunta calcula que se beneficiarán 5.000 empresas ata 2022.

Ademais, a estratexia, que desenvolverá o Igape, inclúe unha plataforma dixital de co-carga (que se porá en marcha en 2020) a través da cal as compañías recibirán as mellores ofertas para contratar servizos loxísticos. Segundo informa a Xunta nunha nota de prensa, por mor deste plan, "crearase unha aceleradora sectorial e activarase un portal de información en liña". Tamén incorpora un convenio co novo cluster da función loxística, que "nace da cooperación entre axentes e empresas e ten previsto agrupar a 50 compañías". Foi creado recentemente e prevé integrar 50 empresas.

Esta entidade contou para a súa constitución con empresas como Kaleido, Gadisa, Finsa, Fillos de Rivera e Delta de Vigo, ademais da Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Pérez Torres Marítima, Jevaso e Reboredo Irmáns son algunhas das súas últimas incorporacións. En resumo, esta estratexia busca "impulsar a competitividade das empresas do sector da organización, abastecemento e transporte de mercadorías", así como "facer de Galicia unha plataforma loxística atractiva".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, destacou que "a presenza na elaboración da estratexia das empresas loxísticas máis importantes de Galicia acredita que non é teórica, senón práctica". "Estando no córner de España e de Europa, a loxística de entrada e saída de mercadorías é clave para os intereses da comunidade e para a competitividade da súa economía", concluíu.

Camións. IVECO - Archivo
Camións. IVECO - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta