A nave de Asados é coma "unha habitación ás escuras": "Resulta complicado moverse"

Expulsan o pai de Diana Quer da sala por dirixirse ao Chicle na sala de vistas deste venres.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/11/2019 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

Entrar na nave abandonada de Asados de madrugada, cunhas condicións de luz similares ás que había o 22 de agosto de 2016, produce "a mesma sensación que entrar a unha habitación ás escuras" e resulta "moi complicado moverse" nela "aínda que se coñeza", segundo recolle o informe que elaboraron dous peritos da Garda Civil para situar o relato de Enrique Abuín na noite dos feitos.

O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, á súa chegada aos xulgados o día no que comeza o xuízo contra José Enrique Abuín Gey
O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, á súa chegada aos xulgados o día no que comeza o xuízo contra José Enrique Abuín Gey | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press


"Baixar polas escaleiras sen luz é practicamente imposible, e máis se o fas portando peso contigo", dixo un dos peritos, en referencia á declaración de Enrique Abuín, que asegurou que cargara co corpo morto de Diana en brazos pola nave e baixara as escaleiras con ela así.

De feito, pouco antes, na sala, púidose visionar a reconstrución que realizou O Chicle coa Garda Civil, unhas imaxes nas que pode verse ao acusado co maniquí que simulaba ser a vítima en brazos mentres baixa pola estreita escaleira ao soto.

AMIGO DO CHICLE

Entre outras cuestións, na novena sesión deste xuízo declarou o axente ao que O Chicle chamou para preguntarlle por que o seguían. Na sala, explicou que Enrique Abuín manexaba ese día un teléfono co que non tiña "destreza" e que, habitualmente, contestaba a súa muller.

Tamén nas declaracións saíu a relucir que Enrique Abuín estaba habitualmente en compañía dun amigo, Manuel Somoza, que tamén declarou no xuízo e asegurou que acompañaba ao Chicle a institutos, discotecas e casas de alterne a coñecer novas e mulleres coa "escusa" de roubar gasóleo.

A preguntas do tribunal, os axentes dixeron que non tomaron declaración a este home antes de localizar o cadáver por medo a que puidese estar implicado ou que avisase ao sospeitoso, pero ratificaron que a súa declaración os levase ata a nave de Asados sen necesidade da colaboración do Chicle.

"(Enrique Abuín) cometeu un erro grave: ensinar a alguén a nave e o pozo", dixeron os axentes, lembrando que o propio Manuel Somoza admitiu que estivera alí co Chicle "meses antes" da desaparición de Diana.

BRIDA


Por outra banda, os investigadores que realizaron as inspeccións no vehículo de Enrique Abuín localizaron no coche que empregou a noite dos feitos unha brida plástica negra similar á que se atopou no cadáver de Diana.

JUAN CARLOS QUER

O empresario Juan Carlos Quer, pai de Diana, a moza asasinada o 22 de agosto de 2016, tivo que deixar, a petición do xuíz Ángel Pantín, a sala de vistas na que este venres se visualiza a reconstrución do crime por dirixirse ao procesado, José Enrique Abuín, alias o Chicle.

 

"Podía ser a túa filla!", espetoulle Quer ao procesado, xusto no momento no que no vídeo víase a Abuín Gey, tras mostrar a maneira na que atara os cables aos lastres, introducir ao maniquí empregado nesta dilixencia no pozo no que Diana permaneceu durante 496 días.

 

O maxistrado presidente do tribunal do xurado que debe dirimir o seu grao de culpabilidade do Chicle solicitoulle a Quer que saíse. Até o momento asistira a todas as sesións, -esta é a novena-, e en todas elas lograra manter a compostura. 

 

Por outra banda, dous axentes da Policía Xudicial da Coruña que testifican nesta novena sesión suliñaron que terían dado co corpo da moza aínda que o Chicle non os guiara ata el.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta