Un xuíz anula unha multa da Xunta por sobrepesca porque o control en augas exteriores corresponde ao Estado

Obriga a devolver os 351 euros da sanción e o valor do peixe incautado.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 22/11/2019 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra estimou o recurso presentado pola incautación de 475 quilos de xarda e deixou sen efecto a sanción imposta pola Consellería do Mar ao patrón dunha embarcación con base no Grove por unha infracción grave en materia de pesca.

Porto de Burela
Porto de Burela | Fonte: AXM

En febreiro de 2018, a administración autonómica impuxo a este patrón unha multa de 351 euros, tras intervirlle 475 quilos de xarda (a cantidade de peixe que supostamente excedía a súa cota de pesca semanal).

A sanción tivo a súa orixe nunha inspección realizada por axentes de Gardacostas no porto de Burela, que constataron que esta embarcación descargara nunha semana 10.475 quilos de caballa, 475 quilos máis do que correspondía á súa cota.

O xuíz estimou o recurso porque considera que a competencia para sancionar a descarga de pesca realizada en augas exteriores e que supera os topes máximos correspóndelle "con carácter exclusivo e excluínte" ao Estado.

A XUNTA "PODE COLABORAR" NA INSPECCIÓN PERO NON SANCIONAR

Segundo a sentenza, a Xunta "pode colaborar coa Administración estatal na fase de inspección, pero non pode substituíla nin subrogarse na competencia do Estado sancionando directamente ao infractor". De feito, precisou, a capacidade sancionadora da Xunta circunscríbese ás augas interiores.

Na súa resolución expón que o recorrente acreditou que o peixe fora capturado en augas exteriores e que, ademais, o tope máximo de 10.000 quilos de xarda á semana aínda non entrara en vigor, porque a resolución que o fixaba aínda non fora "publicada en diarios oficiais".

Por outra banda, tamén dá a razón ao recorrente con respecto á falta de acreditación obxectiva sobre o suposto exceso de capturas. A ese respecto, lembrou que, "inexplicablemente", a Xunta non achegou os certificados de calibración das básculas utilizadas polos inspectores de Gardacostas.

Por todo iso, revogou e deixou sen efecto as resolucións da Xunta, que deberá reintegrarlle ao recorrente o importe da multa máis o prezo que obtivese pola venda do peixe. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe recurso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta